Cervo, 11 de outubro de 2019. O BNG aproveitou a sesión plenaria celebrada en Cervo na tarde de onte para pedir explicacións ao grupo de goberno ante as deficiencias na xestión do Centro de Día-Residencia inaugurado no concello hai pouco máis dun ano. O portavoz nacionalista, Diego Fernández, “botou en cara ao alcalde que se podería estar incumprindo o prego de condicións acordadas para ceder a xestión a “Mensajeros de La Paz” deste centro de titularidade municipal mentres o goberno local mira para outro lado”.
O goberno local ten obriga de velar polo cumprimento do prego de condicións da privatización
Diego Fernández “criticou a compracencia do goberno municipal do PP diante de actuacións pouco éticas” da empresa concesionaria “Mensajeros de La Paz” recordándolle ao goberno local a súa obriga de velar polo cumprimento do prego de condicións coas que se privatizou a xestión do centro, polo benestar das persoas usuarias, e o cumprimento da legalidade.
Opacidade da Comisión de Seguimento do Centro de Dia e Residencia
O portavoz municipal do BNG criticou a opacidade con que se celebran as reunións da comisión de seguimento do Centro de Día e Residencia do Concello de Cervo, descoñecemos o contido desas reunións das que se levantan actas pero non se fan públicas, polo que reclamamos o noso dereito a coñecer o seu contido. Non parece lóxico que podamos coñecer a xente usuaria do Servizo de Axuda no Fogar e non o contido desas reunións.
Malas prácticas da empresa concesionaria e consecuencias na calidade do servizo
O Grupo Municipal do BNG especificou que “a empresa usa o local de enfermería como habitación individual, e o persoal de enfermeira foi substituído por persoal de xeriatría, non capacitado para cumprir determinadas funcións”. Os nacionalistas tamén “denuncian abusos co seu cadro de persoal que non conta con calendarios laborais a longo prazo senón mensuais e que poden ser modificados a criterio da empresa sen previo aviso, co que a se dificulta enormemente a conciliación familiar do seu persoal, e mesmo pode crear problemas na calidade do servizo”.
Aos edís nacionalistas sorpréndelles o “pouco rigor profesional” na xestión da empresa concesionaria, e cualificaron a do goberno local de “abandono e desinterese no cumprimento da súas obrigas” con consecuencias na permisividade dos abusos empresariais co persoal laboral contratado, aínda que isto teña consecuencias na calidade do servizo prestado.
Diego Fernández afirmou que “o que estamos denunciando é grave, e animou a alcalde a ocuparse das cousas do concello que goberna e convidouno a visitar o CDR para coñecer de primeira man o que alí sucede, e preguntoulle ao grupo de goberno do PP se está ao tanto destas irregularidades, se están de acordo con elas, ou se pensan solucionar os problemas existentes ou deixalos pasar como ate agora”, rematou.