Site icon Crónica3.com A Mariña

Novo triunfo das laranxas

 Burela, 5 de outubro, 2019. O Pescados Rubén Burela FS cumpriu sen erro na cuarta xornada para manter o pleno, con outro triunfo claro, con 1-5 sobre o Cidade das Burgas. Tras a vantaxe inicial de 0-2 das Guerreiras Laranxas, as ourensás puideron achegarse sobre o descanso. Na segunda parte, co xogo de cinco, as mariñás atoparon no marcador o reflexo merecido ao seu dominio, control e superioridade.

Jane estreou o luminoso no minuto 6, ao recoller unha tentativa de Dany. Antes Luci puxera a proba a rede ourensá desde saque de esquina. Peque, por partida dobre, Ale de Paz e Dany dispuxeron de grandes ocasións para ampliar as distancias, pero non foi ata o minuto 13 cando chegou o segundo das laranxas nun bo entendemento entre Ale e Dany, en contragolpe. Luci apostou polo terceiro, sen éxito, nun par de ocasións. A falta de 37 segundos para a conclusión do primeiro acto, o Cidade reduciu con 1-2, tras saque de banda.

Bea Mateos capitaneou o xogo de cinco no minuto 27 en busca de ampliar a fenda. Así, Peque selou o 1-3, nun grande entendemento con Cilene no 29. O conxunto mariñán conseguiu facer dano coa súa circulación rápida e presión abafadora. A falta de catro para a bucina final, Peque volveu facer acto de presenza na materialización nunha incursión de Ale de Paz que Jenny Lores cedeulle á 7 burelista para sentenciar. Dany anotou o 1-5 definitivo no minuto 39, en colaboración con Jane, ante unha porteira adiantada e superando as intencións de defensa local por freala.

Ficha técnica

Cidade das Burgas: Ana Lastra, Clara, María Arias, Nahir, Amelia, cinco inicial; tamén xogaron Sonia, Natalia, Aroa, Canolich, María López

Pescados Rubén Burela FS: Jozi, Dany, Cilene, Bea Mateos, Ale de Paz, cinco inicial; tamén xogaron Jane, Lara Balseiro, Luci, Jenny Lores, Peque, Jenny

Goles: 0-1, minuto 6, Jane; 0-2, minuto 13, Dany; 1-2, minuto 20, Amelia; 1-3, minuto 29, Peque; 1-4, minuto 36, Peque; 1-5, minuto 39, Dany

Árbitros: Muñoz García // Vanegas Betancur (Asturias). Por Burela amarela para Peque (minuto 28), Jenny Lores (minuto 30)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 4 de Primeira RFEF disputado nos Remedios de Ourense

Exit mobile version