Burela, 15 de outubro de 2019. Mañá, mércores, ás 10:30 horas, terá lugar un pleno extraordinario no Concello de Burela. A sesión acollerá o sorteo para a composición das mesas electorais do vindeiro 10 de novembro. E tamén se someterá a aprobación o convenio que subscribirán o Concello e a Deputación de Lugo para proceder ao cambio das luminarias en varias rúas por outras de tecnoloxía LED.
O alcalde burelés, Alfredo Llano, contou que “mañá temos un pleno extraordinario, ás dez e media da mañá, porque levamos un punto que é obrigatorio facelo xa que é o do sorteo das mesas electorais para as eleccións xerais do próximo 10 de novembro”.
O rexedor explicou que “tamén levamos outro punto que consideramos que é moi importante porque corresponde asinar un convenio coa Deputación para a cooperación co Concello de Burela. Do que se trata con este convenio é substituír, en varias rúas que xa temos previstas, as luminarias existentes por outras de tecnoloxía LED”.
Alfredo Llano salientou que “é para mellorar a rendabilidade da luz que se gasta, pero sobre todo a durabilidade, e por outro lado tamén eliminar un pouco a contaminación dentro do que se poida”.
O alcalde dixo que “este é un proxecto que está cofinanciado por Fondos Feder máis a Deputación de Lugo. Ao Concello de Burela lle sae completamente gratuíto, e polo tanto é algo interesante aprobar este proxecto que se chama Ilumin@ Renovación”.