Burela, 19 de outubro de 2019. Recepción esta mañá no Concello de Burela a Nito Valle, pola súa proclamación como campión de Europa coa selección española sub 19 de fútbol sala.
O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, dixo que “desde o Concello de Burela queremos facerlle un pequeno recoñecemento, entregándolle unha placa protocolaria, a Nito Valle, que se acaba de proclamar hai unhas semanas campión de Europa co equipo da Selección española sub 19 de fútbol sala”.
O edil burelés manifestou que “é un orgullo para nosoutros ter un campión de Europa porque non é nada fácil. E Nito con todo ese traballo que leva feito desde as categorías inferiores do Burela Fútbol Sala conseguiu chegar á selección e ademais proclamouse campión de Europa, co cal isto é un recoñecemento desde o Concello de Burela, en representación de todos os veciños, para ese traballo feito e ese título conquistado”.
Fernández Rey contou que “Nito é un xogador que agora mesmo está cedido no Santiago Fútbol Sala, pero pertence ao Burela Fútbol Sala e durante toda a súa etapa nas categorías inferiores estivo xogando no Burela FS e incluso chegou a debutar co primeiro equipo. Esperamos que nos próximos anos, despois desta etapa que está pasando no Santiago Fútbol Sala, poida volver a Burela e triunfar no primeiro equipo, como supoño que todo o mundo quere”.
O concelleiro de Deportes engadiu: “reiterar os parabéns a Nito polo título acadado e tamén ao Burela FS polo seu traballo de canteira, que estamos vendo que dá os seus froitos. E que menos que desde o Concello de Burela recoñecerlle ese mérito que ten este título de campión de Europa, que é moi importante e non se consegue todos os días”.