Mondoñedo, a 11 de outubro de 2019. Con motivo da celebración das “Feiras e Festa das San Lucas”, o Concello de Mondoñedo, a través do Centro de Información ás Mulleres, porá en funcionamento un punto informativo da campaña “AgresiónOff: eu digo non á violencia sexual”. Este stand estará instalado na Praza do Concello os días 18, 19 e 20 de outubro en horario de 18:30 a 21:30. A súa atención será prestada por técnicas con ampla formación e experiencia en materia de igualdade e violencia de xénero, quen farán unha actividade de prevención das agresións sexuais, por medio de folletos informativos e materiais especialmente deseñados para esta campaña. Como parte desta campaña, durante eses días invitarase a quen o desexe a manifestar o seu rexeitamento ás agresións subindo unha fotografía ás redes sociais coas etiquetas #AgresiónOff #OcioenIngualdade e #MondoñedodiNON.
Ademais, nestes días porase en marcha unha enquisa a través das redes sociais do CIM e do Concello para coñecer de preto a información que sobre as agresións sexuais ten a sociedade en xeral. Esta enquisa estará dispoñible ata o 31 de outubro e os seus resultados daranse a coñecer durante o mes de novembro con motivo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, para o cal xa se está a traballar na organización de actividades.
A campaña “AgresiónOff: eu digo non á violencia sexual” está impulsada pola Xunta de Galicia con motivo do risco de sufrir unha agresión sexual en sitios de afluencia masiva de público, como son as feiras e festas das San Lucas (no ano 2018 preto de 80.000 persoas achegáronse ata Mondoñedo). A meta principal da campaña é a seguridade das persoas que acoden a estes eventos e, ao mesmo tempo, aproveitar para incidir na concienciación da sociedade sobre a violencia sexual.