Site icon Crónica3.com A Mariña

Manuel Rouco: “En Burela existe unha lei mordaza e chámase Alfredo Llano”

Burela, 17 de outubro de 2019. “Consumáronse os feitos. Alfredo Llano lonxe de dar un exemplo de transparencia tendo en conta a situación tan particular que está a vivir o Concello de Burela, prefire aplicar a súa particular lei mordaza”. Así de contundente se amosa o voceiro do PP, Manuel Rouco, pois estando en funcións pola situación da mesa única do Perdouro, os plenos ordinarios non se celebran e, a única opción que ten a oposición para fiscalizar as accións do goberno en funcións son os plenos extraordinarios. “Se neles non se dispón o punto de rogos e preguntas dentro da orde do día a oposición queda practicamente silenciada , que por outra banda é o que quere o Sr. Llano”, explica.
En sete meses o alcalde en funcións só permitiu rogos e preguntas no anterior pleno extraordinario, un dos dous que se celebraron en todo este tempo, pero segundo manifestou publicamente, foi un erro. Por suposto non del, da secretaria, a que lle achacou un burdo “corta e pega”. Diante esta situación, pregúntase o popular “que está a dicir o alcalde en funcións, que son os funcionarios os que deciden os puntos que deben de ir nos plenos?, que non le nin o que leva a pleno?, que el só cobra por firmar?”.

Non é a primeira vez no último ano no que lle negou o dereito de pechar coa súa quenda de palabra unha moción presentada e defendida polo portavoz do PP, algo que se leva facendo dende que Burela é Concello. O Grupo Municipal que presenta unha moción ten dereito a pechar a mesma no último turno.
Cabe lembrar que, ademais, foi o único alcalde dos concellos máis grandes da Mariña que se negou a ter un debate público, previo ás eleccións locais, co resto de candidatos. “Esta é verdadeira esencia do que quere volver a ser, coa posible conivencia doutros grupos políticos, alcalde de Burela”, conclúe Rouco.

Exit mobile version