Site icon Crónica3.com A Mariña

Lugo pechou o verán como a provincia galega na que máis creceu a demanda turística ao medrar un 14,7% a cifra de pernoitas

 Lugo, 10 de outubro de 2019. Lugo pechou o verán como a provincia galega na que máis aumentou a demanda de aloxamentos turísticos regrados, rexistrando 412.415 pernoitas, cifra que supón un incremento do 14,7% en relación co mesmo período do ano anterior.

O delegado territorial da Administración autonómica, José Manuel Balseiro, explicou que na provincia aloxáronse 211.889 viaxeiros, o que representa unha subida do 17,7% con respecto aos datos do pasado verán.

A demanda medrou en todas as tipoloxías de aloxamento, con máis intensidade nos apartamentos turísticos -48,5%- e pensións -26,5%-. A subida nos hoteis foi do 7,5% e nos establecementos de turismo rural do 3,7%.

O 79% da demanda neste período estival concentrouse no segmento hoteleiro -un 55% nos hoteis e un 24% nas pensións-, e o 21% restante repartiuse entre os apartamentos turísticos -11%- e os aloxamentos de turismo rural -10%-.

En canto á procedencia dos visitantes, os datos do sector hoteleiro reflicten que o turismo interno subiu un 7%, o nacional un 12% e o internacional un 24%. O maior peso este verán tívoo o turismo nacional, que representou o 57,5% das noites hoteleiras.

O delegado territorial da Xunta concluíu que estes datos reflicten que o turismo se consolida na nosa provincia e que Lugo segue a ser un destino cada vez máis atractivo e mellor valorado polas persoas que nos visitan.

Exit mobile version