Site icon Crónica3.com A Mariña

Industria vese obrigada a suspender temporalmente todas as autorizacións e obras do parque eólico do Iribio

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2019.- O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, resolveu no día de onte deixar sen efecto de xeito temporal todas as actuacións administrativas “causalmente vinculadas” ao Acordo do Consello da Xunta do 27 de xuño suspendido recentemente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e polo que se aprobada a modificación do proxecto sectorial do parque eólico do Iribio. Así mesmo, ordeou tamén “a paralización das obras derivadas das autorizacións administrativas, así como a Resolución da modificación non substancial”. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas enviou esta notificación á entidade ecoloxista ADEGA, como parte persoada no expediente de modificación, a última hora da tarde de onte e logo de que organización instase a dar cumprimento ao auto do TSXG e ordenase a paralización inmediata das obras.
Esta resolución do director xeral de Enerxía e Minas implica, non só supón a suspensión temporal da efectividade do Acordo do Consello da Xunta do 27 de xuño de 2019 suspendido polo TSXG, senón tamén dos acordos posteriores e anteriores vinculados a dito acordo, isto é: a Resolución do 31 de maio de 2007 pola que se autorizan as instalacións electromecánicas e se aproba o proxecto de execución, a súa inclusión no réxime especial, a declaración de utilidade pública do proxecto, a aprobación da modificación non substancial do parque eólico e a modificación definitiva do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal. Así mesmo, insta aos concellos de Samos e Triacastela, nos que se empraza o proxecto eólico a adoptar as medidas oportunas e, por tanto, suspender tamén temporalmente as licenzas municipais outorgadas para a execución das obras.
De feito, tamén no día de onte, o concello de Triacastela notificaba a ADEGA a suspensión da licenza outorgada pola Xunta de Goberno o pasado 30 de agosto para a construción do parque eólico Serra do Oribio e a paralización das obras feitas ao seu amparo. Pola súa banda, o concello de Samos non comunicou oficialmente a emisión da orde de paralización das obras, pero este feito foi confirmado telefonicamente con persoal do concello.
Desde a plataforma Salvemos O Iribio consideramos que o auto do TSXG e a posterior paralización das obras do parque eólico na serra do Iribio supoñen un fito histórico da acción organizada da sociedade civil na defensa ambiental e cultural do país, aínda que acollemos estas novas con certa cautela. Esta plataforma desconfía de que a empresa Fergo Galicia Vento acate as ordes de paralización, xa que aínda onte pola tarde as súas máquinas estaban a traballar na zona.
Instamos, por tanto, ás autoridades competentes a permanecer atentas ao que aconteza no monte Iribio e a dar estrito cumprimento ao disposto polo auto do TSXG e polas resolucións de paralización das obras da Dirección Xeral de Industria e dos concellos de Samos e Triacastela.
A Xunta favoreceu o avance na destrución do espazo natural
Ao tempo que acollemos con satisfacción as devantidas ordes de paralización cautelar, lamentamos que a reacción da Xunta ante tal atentado ecolóxico e cultural non se teña producido antes de coñecer o auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Todos os organismos da Xunta que informaron sobre este proxecto eólico e, sobre todo, o órgano substantivo encargado da tramitación dos expedientes, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, teñen demostrado unha total pasividade e deixazón das súas funcións diante das numerosas denuncias que foron presentadas polos colectivos de Salvemos O Iribio nos últimos 5 meses.
Esta pasividade propiciou que as obras de Fergo Galicia Vento avanzasen a marchas forzadas, levándose por diante xa varios treitos dun camiño histórico tradicional, o antigo Camiño Real que conectaba coa Meseta e parte dunha mámoa emprazada no camiño de subida ao cumio; ou eliminando grandes superficies de vexetación protexido, realizando explanadas, desmontes ou formigonando centos de m3 de terreo para a instalación das plataformas dos aeorxeradores.
Por outra parte, criticamos que a Dirección Xeral de Enerxía e Minas levantase a paralización cautelar das obras ordenada en xuño deste ano a instancias dunha denuncia de ADEGA, tan só 3 días despois de ser emitida sen que a empresa dispuxese aínda de todos os permisos necesarios para iniciar as obras. Tamén lamentamos que nin as Direccións Xerais de Patrimonio Natural, Calidade e Avaliación Ambiental e Patrimonio Cultural teñan reaxido ante as denuncias efectuadas pola execución ilegal de obras por parte de Fergo Galicia Vento SL no camiño de acceso ao parque eólico que vai de Airapadrón e Lampazas ata o cumio do monte, trazado que se atopa tamén na ZEC Ancares -Courel, zona de Rede Natura e BIC Camiño de Santiago.
Desde Salvemos O Iribio pensamos que estes feitos non deben quedar impunes, polo que manifestamos a nosa intención de achegar nova documentación á Fiscalía provincial de Lugo co gallo de ratificar estes feitos e así poder dirimir posibles responsabilidades penais na execución irregular destas obras

Exit mobile version