Site icon Crónica3.com A Mariña

Galicia acolle por primeira vez un Campionato Nacional de TPV en Espeleoloxía. Desenvolverase esta fin de semana no pavillón de deportes de Mondoñedo

 Mondoñedo, 10 de outubro, 2019. Galicia acolle, por primeira vez, un Campionato Nacional de Técnicas de Progresión Vertical en Espeleoloxía, que se desenvolverá esta fin de semana no pavillón de deportes de Mondoñedo e ao que se inscribiron participantes nesta espectacular disciplina deportiva dun total de sete comunidades autónomas.

O Concello de Mondoñedo volve converterse así no punto neurálxico da Espeleoloxía en España ao colaborar neste evento, o cal está organizado pola Federación Galega de Espeleoloxía, en nome da Confederación de Espeleología y Cañones, parte do cal patrocina a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Ata a localidade chegarán -xa o venres, 11- os mellores deportistas españois, representando a Galicia, Comunidade Valenciana, Rioja, Cataluña, Comunidad de Madrid, Navarra e Castilla-A Mancha, con idades comprendidas entre os 9 e os 69 anos, que demostrarán a súa destreza nas categorías alevín, infantil, xuvenil, maior e veterano.

Mulleres e homes competirán nas respectivas probas, elixidas das seguintes: Velocidade, Técnica Vertical (Resistencia), Circuito de progresión vertical en parede, Circuito equipos (mixta) e Auto socorro. Para iso, a dirección e varios técnicos deportivos da Escola Galega de Espeleoloxía instalaron un circuíto nunha das paredes interiores do pavillón, onde realizarase esta actividade.

A entrada a este evento é gratuita, e o groso da competición está previsto que teña lugar ao longo do sábado, 12 de outubro, desde as 10 da mañá, cun descanso para comer, e que finalice pola tarde.

A entrega de medallas está prevista o domingo ás 12 da mañá, da man da alcaldesa de Mondoñedo, Dna. Elena Candia López, coa asistencia do Xefe de Deportes en Lugo da SXD, D. Manuel Otero Méndez. Tras o acto, procederase á despedida dos competidores e á recollida da loxística, por parte dunha vintena de voluntarios.

Exit mobile version