O día antes do pleno, o martes, esta Alcaldía recibe un escrito presentado no rexistro municipal pola Asociación Centro Comercial Histórico onde se propón como un dos festivos locais do vindeiro ano a data do 2 de novembro, atendendo á situación na que se atopa o comercial local e facendo referencia aos prexuízos que lles causaría pechar en agosto.
Aínda que esta proposta xa non entraba directamente no pleno, por que a comisión informativa xa estaba celebrada e a convocatoria do pleno xa fora realizada, púxenme en contacto cos voceiros dos demais grupos municipais e fíxenlles chegar esta proposta da Asociación Centro Comercial Histórico, que foi debatida unhas horas antes do pleno.
Son Viveiro, Por Viveiro, Bloque Nacionalista Galego e Partido Socialista acordamos manter a proposta inicial, por que agradecemos esa suxerencia da asociación de comerciantes, pero entendimos que é unha asociación que defende a un colectivo concreto e que nós, velando polos intereses xerais, estamos decidindo cales serán os festivos locais para todo o concello e que representamos non só ao sector do comercio, senón tamén aos traballadores, á industria, etc. Consideramos, ademais, que o 16 de agosto sempre foi festivo e que, coa nosa proposta, o único que se facía era cambiar un día festivo de agosto por outro festivo no mesmo mes. Foi neste momento cando o Partido Popular se desmarcou e apoio a proposta do 2 de novembro.
Consecuentemente, as declaracións do Partido Popular facendo alusión a que eles son os únicos que apoian ao comercial local parécennos afastadas da realidade, que son manipuladoras e que o único que pretenden á enganar aos veciños. Son totalmente desproporcionadas e é evidente que dende o goberno apoiamos o comercial local.
Debe quedar claro que o único partido político que se apartou do acordado na comisión informativa e o único que modificou a súa opinión foi o Partido Popular, quen na comisión informativa previa non se acordou do comercio e que o único que pretende coas súas declaracións é manipular e terxiversar a realidade.