Viveiro, 4 de outubro de 2019. O Concello de Viveiro quere aclarar que, como todos os anos, se aproba en pleno a designación dos días festivos locais deste concello para o vindeiro ano, que normalmente son o Martes de Entroido e o 16 de agosto. O próximo ano, en 2020, o 16 de agosto é domingo e, por ese motivo, na Comisión Informativa previa ao pleno por parte do concello propúxose, como alternativa a esa data, o 17 de agosto. Nesa comisión, os voceiros de todos os grupos políticos concluímos que tres días festivos seguidos era excesivo e a voceira do Bloque Nacionalista Galego propuxo o Luns de Naseiro. Esta proposta foi aceptada por todos os presentes, incluído o voceiro do Partido Popular que tamén estaba nesa comisión e que votou a favor de designar como festivos locais o Martes de Entroido e o Luns de Naseiro, sen acordarse en ningún momento nin da Asociación Centro Comercial Histórico nin da data do 2 de novembro. Consecuentemente, nesa comisión informativa ditaminouse favorablemente ese asunto da orde do pleno celebrado o pasado mércores, co fin de determinar como festivos locais para o ano 2020 os días Martes de Entroido e Luns de Naseiro.
O día antes do pleno, o martes, esta Alcaldía recibe un escrito presentado no rexistro municipal pola Asociación Centro Comercial Histórico onde se propón como un dos festivos locais do vindeiro ano a data do 2 de novembro, atendendo á situación na que se atopa o comercial local e facendo referencia aos prexuízos que lles causaría pechar en agosto.
Aínda que esta proposta xa non entraba directamente no pleno, por que a comisión informativa xa estaba celebrada e a convocatoria do pleno xa fora realizada, púxenme en contacto cos voceiros dos demais grupos municipais e fíxenlles chegar esta proposta da Asociación Centro Comercial Histórico, que foi debatida unhas horas antes do pleno.
Son Viveiro, Por Viveiro, Bloque Nacionalista Galego e Partido Socialista acordamos manter a proposta inicial, por que agradecemos esa suxerencia da asociación de comerciantes, pero entendimos que é unha asociación que defende a un colectivo concreto e que nós, velando polos intereses xerais, estamos decidindo cales serán os festivos locais para todo o concello e que representamos non só ao sector do comercio, senón tamén aos traballadores, á industria, etc. Consideramos, ademais, que o 16 de agosto sempre foi festivo e que, coa nosa proposta, o único que se facía era cambiar un día festivo de agosto por outro festivo no mesmo mes. Foi neste momento cando o Partido Popular se desmarcou e apoio a proposta do 2 de novembro.
Consecuentemente, as declaracións do Partido Popular facendo alusión a que eles son os únicos que apoian ao comercial local parécennos afastadas da realidade, que son manipuladoras e que o único que pretenden á enganar aos veciños. Son totalmente desproporcionadas e é evidente que dende o goberno apoiamos o comercial local.
Debe quedar claro que o único partido político que se apartou do acordado na comisión informativa e o único que modificou a súa opinión foi o Partido Popular, quen na comisión informativa previa non se acordou do comercio e que o único que pretende coas súas declaracións é manipular e terxiversar a realidade.