Site icon Crónica3.com A Mariña

Descobren unha placa na fosa común de San Tiso en lembranza dos represaliados das terras do Eo

 A Mariña, 3 de outubro, 2019. O domingo 6 de outubro a localidade de San Tiso de Abres descubrirá unha placa en lembranza dos veciños dos concellos da conca do Eo asasinados polo franquismo e que permanecen enterrados nas diferentes fosas comúns existentes no concello. A placa será colocada a carón dunha das fosas existentes no cemiterio da localidade, onde están enterrados seis veciños do occidente asturiano, recollendo na mesma o texto seguinte: Na honrra do mestre de Pablo Martínez-Crespo Mazo, e doutros cinco asesinados, enterrados nesta fosa común desde o 15 de septiembre de 1936. Santiso d´Abres, Octubre de 2019.

Os actos darán comezo ás 17:00 h no auditorio da localidade cunha palestra a celebrar no auditorio municipal onde tomará a palabra Ramón García Piñeiro, profesor no IES de Tapia e un dos máximos especialistas no estudo da represión e da resistencia ao franquismo na conca do Eo. A xornada continuara ás 18:15 co descubrimento dunha placa no cemiterio parroquial onde tomarán a palabra Francisco Martínez “Quico”, un dos últimos guerrilleiros antifranquistas vivos, Fernanda Cedrón, neta do mítico guerrilleiro Luís Trigo e Manuel Amago, familiar do último alcalde republicano da localidade asasinado en 1936. O feche poñerao o musico da Veiga Abel Pérez.

Os mortos da fosa común de Santiso.

A día de hoxe só se coñece a identidade dunha das seis persoas soterradas na fosa común de Santiso o 15 de setembro de 1936. A única persoa identificada nesta fosa común é de Pablo Martínez-Crespo, mestre en San Martiño de Abres no concello de Trabada e residente na súa vivenda familiar de Barres, onde a súa muller exercía como mestra, no momento da sublevación franquista. Martínez-Crespo Mazo, natural do Enciso na Rioxa, chegou as terras de Eo desde Santander, impartindo aulas cunha grande dedicación en localidades como Tol ou Figueiras, e gañándose a estima dos seus alumnos e familiares.

A maiores dos seis demócratas asasinados enterrados neste tumba, coñecemos tamén do asasinato na localidade de Xosé Suárez Novás e Xosé María Jardón Pérez. O primeiro natural de Palas de Rei, residía n´A Pontenova, onde traballaba como peón camiñeiro sendo asasinado o 24 de xaneiro de 1941. O segundo, natural e residente en Valdepares, no concello do Franco, será executado o 3 de setembro de 1936. A día de hoxe descoñecemos o lugar de enterramento destas dúas persoas, porén son varias as fontes que sinalan a posibilidade de atoparse enterrados noutra fosa no cemiterio da localidade.

Os veciños de Santiso asasinados polo franquismo.

A represión franquista deixouse notar entre a veciñanza de Santiso. Malia que esta deixouse notar no conxunto da poboación con convicións democráticas, será cos cadros dirixentes das organizacións da Fronte Popular e da corporación democrática onde se exprese como máis dureza. Os militantes socialistas Xosé García Miranda e Ramón Llenderrozos Pérez, serán asasinados tamén polos fascistas en Rábade o 3 de setembro de 1936 tras acudir a Lugo a presentarse ás autoridades franquistas, atendendo as indicacións dalgunha personalidade do réxime da localidade. Ademais, o 13 de febreiro de 1937 será fusilado en Lugo, en cumprimento dunha sentencia a pena de morte, Xesús Cigarrán Campo, un traballador do transporte natural de Trabada e residente na localidade.

O 20 de setembro de 1936 será asasinado por un grupo de falanxistas o alcalde da localidade Clemente Amago. Emigrante canda a súa parella en Arxentina, onde probabelmente tomou contacto coas ideas de progreso, fixo parte en 1931 do núcleo fundador do PSOE en Santiso, sendo nomeado alcalde en marzo de 1936, tras o trunfo das forzas democráticas nas eleccións de febreiro. Os días que seguiron ao 18 de xullo permaneceu agochado en diversas puntos da súa parroquia, sendo posteriormente detido e executado, descoñecéndose a día de hoxe o seu lugar de enterramento. Tras o seu asasinato, un falanxista da localidade, probabelmente implicado na súa morte, faríalle chegar á familia un reloxo que o acompañaba no momento do seu asasinato.

Memoria da Mariña, entidade promotora do acto, animan a todos os veciños e veciñas da conca do Eo a sumarse a este acto de homenaxe e lembranza ás vítimas da represión nesta zona.

Exit mobile version