Site icon Crónica3.com A Mariña

Demasiado castigo para o gran traballo laranxa

 Burela, 5 de outubro, 2019. O Pescados Rubén Burela FS recibiu un castigo excesivo no marcador para o gran traballo realizado esta tarde na pista do titánico Movistar Inter (7-2). Os de Juanma Marrube souberon repoñerse á rápida iniciativa verde e ata conseguiron chegar con vantaxe de 1-2 ao descanso. A partir da medianía do segundo acto e logo de ocasións en ambas as metas, os de Torrejón de Ardoz conseguiron apropiarse do electrónico.

O conxunto de Juanma Marrube atopouse axiña co lastre do gol interista, xa no minuto 2, a través de Pito. Malia iso os mariñáns souberon como conter o potencial verde. Nun potente disparo, Matamoros, antes do ecuador da primeira parte, avisou a J. Herrero da coraxe burelista. No 13, o meta local conseguiu de novo desartellar as posibilidades dos galegos sacando milagrosamente un balón, pero nada puido facer segundos despois coa falta sentenciada por Renato, que subiu o 1-1. O Pescadso Rubén contivo o perigo ofensivo; o balón de Pito, no 16, foise por pouco, e Edu, no 18, freou o disparo de Gadeia. Foi entón cando a alma Laranxa fixo acto de presenza, sorprendendo Pope de disparo cruzado para poñerse por diante.

Recuperou o Movistar a igualada grazas a Bebe, no minuto 26, e freou Álex pouco despois o que podería ser a vantaxe local. O Pescados Rubén non baixou os brazos; avisou con moito perigo Pope e Renato tivo o terceiro nas súas zapatillas, xa con xogo de cinco, pero fóiselle por moi pouco. Nuns minutos de moita presenza en ambas as redes, a temperanza do Movistar soubo agarrarse ao que desaproveitoru Burela e así, no 31, en tan só un minuto se apropiou do electrónico con tantos de Gadeia e Borja, que ampliou Ortiz no 34. A coraxe burelista non se mitigou; a punto estiveron de sorprender a J. Herrero no 36, aínda que xa pesaba demasiado a desvantaxe. Solano completou a renda por partida dobre na recta final, con 7-2.

Ficha técnica

Movistar Inter FS: Jesús Herrero, Borja, Ricardinho, Ortiz, Pito; tamén xogaron Gadeia, Bebe, Marcel, Marlon, Solano

Pescados Rubén Burela FS: Edu, Lucho, Luisma, R. Vargas, Renato, cinco inicial; tamén xogaron Pope, Everton, Joselito, Álex Diz, Matamoros, Juanfran

Goles: 1-0, minuto 2, Pito; 1-1, minuto 13, Renato; 1-2, minuto 19, Pope; 2-2, minuto 26, Bebe; 3-2, minuto 31, Gadeia; 4-2, minuto 32, Borja; 5-2, minuto 34, Ortiz; 6-2, minuto 38, Solano; 7-2, minuto 40, Solano

Árbitros: García Hernández // Redondo Arenales. Por Movistar amarela para Marlon (minuto 13), Gadeia (minuto 34). Por Burela amarela a Lucho (minuto 8), Juanfran (minuto 27)

Incidencias: Partido correspondente á xornada 4 de Primeira LNFS disputado no Jorge Garbajosa de Torrejón de Ardoz. O conxunto laranxa saltou á pista coa mensaxe de “Forza Iago” nas súas camisetas do fair play como apoio ao 5 burelista, lesionado de ligamentos e meniscos a semana pasada.

Exit mobile version