Ribadeo, 24 de outubro, 2019. “Sr. Fernando Suárez, benvido á colaboración institucional que sempre defendemos dende o PP”. Así o manifesta o voceiro do Partido Popular en Ribadeo logo do anuncio do convenio entre Concello, Xunta de Galicia e ministerio de Fomento para destinar 40 vivendas sociais a alugueiro. Deste xeito, o líder do PP valora que “xa era hora de que nos fixese caso” e optase por adherirse a esta iniciativa.
Neste senso, agarda que, “polo ben dos veciños”, esta non sexa a única ocasión na que o nacionalista decida sumarse a acordos con outras administracións, con independencia da cor política que marque as súas direccións.
“En reiteradas ocasións lle trasladamos a Fernando Suárez a necesidade de arrimar o ombro e de priorizar os intereses de Ribadeo por riba dos do seu partido. Desta volta, parece que se deu conta, demostrando que no PP non estabamos tan desencamiñados”. Por este motivo, engade Vega, “nunca es tarde si la dicha es buena”, e adianta que seguirán reclamando esta colaboración “sempre que esta reverta no beneficio de Ribadeo”.
“Así o dixemos cando nos presentamos ás eleccións e así o estamos a demostrar. O noso fin último é Ribadeo e os ribadenses. Por eles traballamos e así o seguiremos facendo, poñendo en valor que somos útiles, facendo incluso recapacitar ao goberno local, como acontece neste caso”, conclúe o voceiro do PP.