A Mariña, 12 de outubro, 2019. A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego e a Confederación de Mulleres do Mundo Rural (Ceres), terán a vindeira semana unha intensa axenda na bisbarra da Mariña coas xornadas Ferramentas innovadoras para unha economía rural con mulleres, que se desenvolverán en Ribadeo e Lourenzá.
Así, o luns 14 de outubro, teremos no Pazo de Tovar (Lourenzá) un programa que incluirá unha charla da avogada Isabel Crende sobre o recoñecemento das mulleres no plano xurídico. Acto seguido, a actual secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, e unha das súas predecesoras nesta responsabilidade, Lidia Senra, falarán coas asistentes sobre a titularidade compartida e os dereitos profesionais das labregas.
Tres días despois, o xoves 17 de outubro, terá lugar no antigo lavadoiro de Ribadeo un rico intercambio de experiencias profesionais entre labregas de Asturies e Galiza. Desta maneira, daranse a coñecer de primeira man proxectos liderados por mulleres na comunidade veciña como a Asociación CultivArte, a granxa avícola ecolóxica Pita Sana ou a Rede Feminista de Mulleres Rurais do Occidente de Asturies. Pola banda galega, teremos ocasión de coñecer Sen Sucre, unha pequena empresa de comida vegana impulsado por Inés López en Xermade; Argaia Cosmética Natural, obradoiro de cosméticos ecolóxicos feitos a partir de plantas medicinais en Alfoz do que nos falará Pamela Pardiñas; ou a Gandería Lodeiro, de Trabada, da que dará conta Clara Basanta.
Xornadas semellantes a estas desenvolvéronse nas últimas semanas en Guitiriz, Betanzos e Lalín. O 18 de outubro terá lugar en Chantada a última das previstas.