Site icon Crónica3.com A Mariña

Cen días de goberno de José Tomé na Deputación, 100 días perdidos para Lugo, di o PP

 Lugo, 28, outubro, 2019. Cando se cumpren os 100 primeiros días do goberno da Deputación de Lugo, formado por socialistas e nacionalistas e presidido por José Tomé (PSOE), é evidente, en opinión da voceira e presidenta provincial do PP, Elena Candia, que foi un tempo perdido para o interese xeral. O presidente, segundo Candia, preferiu vivir das rendas da etapa anterior, a pesar de que a criticou . Viviu do traballo e dos pactos conseguidos no anterior mandato, con Darío Campos na presidencia da Deputación. Pola contra, Tomé non mostrou ningún interese, senón todo o contrario, en buscar acordos que, como se demostrou no pasado, foron útiles para os lucenses e deron froitos que hoxe se traducen en infraestruturas e servizos para os cidadáns. Tomé non só non buscou o acordo nestes cen días, senón que rompeu consensos básicos, mantidos incluso durante a presidencia de José Ramón Gómez Besteiro, como no referido ao futuro de industrias fundamentais para a provincia como Alcoa-San Cibrao e Endesa-As Pontes. O presidente da Deputación practicou o egosocialismo de marca Pedro Sánchez. Un egosocialismo, di Candia, de confrontación, buscando sempre o enfrontamento coa Xunta e o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, incluso cando aproba orzamentos para a provincia que recollen un compromiso inversor once veces superior con respecto ao de cando gobernaban na Xunta PSOE e BNG.

Nestes 100 primeiros días, Tomé non buscou o consenso pero, pola contra, si facilitou que o BNG traballase para desmontar a Deputación, que é o que, expresamente, pretenden os nacionalistas. Os populares consideran que nestes algo máis de tres meses, o PSdeG-PSOE, con José Tomé ao fronte, deu impulso deste xeito ao independentismo en Galicia, que medra agarrado ao socialismo nas institucións; aí se foron seguramente os esforzos do Bloque neste cen días de goberno, en aproveitar esta institución para acabar con ela e, mentres, utilizala como altofalante dos seus obxectivos.

A voceira do PP na Deputación considera que «foron cen días nos que o bipartito PSOE-BNG non anunciou nin executou ningún proxecto novo, merecedor de ser chamado así; iso si, uns e outros participaron en numerosos actos en busca da foto. Candia considera que «volvemos, retornamos á época do autobombo e a autopromoción de Gómez Besteiro; estamos de volta ao tempo no que o importante para os membros do goberno provincial é o que coloquialmente se di figurar». A líder popular ve con inquietude o futuro respecto a capacidade para a eficiencia do goberno presidido por Tomé: «Si, é de temer, por non dicir que é seguro, á vista destes cen días, que este goberno vai ser un goberno tan figurón como anodino. Iso si, con actitudes aprendidas na escola de Gómez Besteiro, ou polo menos así parece indicalo a recuperación para a primeira fila da administración provincial de funcionarios que durante o mandato do tamén socialista Darío Campos estiveron practicamente afastados das principais funcións que lles son propias».

Neste cen primeiros días quedou demostrado, en opinión do PP, que José Tomé é un presidente e un alcalde a tempo parcial, «vaia que, en cada un deses postos, parece que ten o que no mundo laboral se chama redución de xornada». Seguramente por iso, di Candia, no estivo atento aos grandes problemas que ten neste momento a provincia, como é o elevado risco de perda de miles de postos de traballo que ofrecen Alcoa-San Cibrao e a térmica de Endesa-As Pontes. «Facer non fixeron nada positivo -declarou Elena Candia- pero os socialistas si foron capaces de votar en contra no pleno da Deputación das mocións presentadas polo PP en defensa de Alcoa-San Cibrao, por un lado, e de Endesa-As Pontes, por outro; nin polas industrias, esenciais para a economía de Lugo, nin polos seus traballadores fixeron nada. O goberno provincial, nestes relevantísimos asuntos estivo 100 días posto de perfil ata que, despois de tres concentracións multitudinarias na Mariña, presentou ao pleno unha moción extemporánea e inútil sobre Alcoa-San Cibrado e Endesa-As Pontes».

A espera do presupuesto
Desde a conformación do goberno provincial ao día de hoxe aínda non sabemos, declarou Elena Candia, o que quere facer. A presidenta provincial do PP manifestou: «Está claro que o socialista José Tomé chegou á presidencia da institución provincial sen ideas, polo menos sen ideas para a provincia. Debeu esgotar a súa capacidade para planificar nas liortas no seo do PSdeG, que non foron poucas, ata chegar ao posto que ocupa. Está claro que o seu é seguir as directrices do partido, independentemente do que supoñan para a provincia. Como exemplo, a inacción nos casos de Alcoa-San Cibrao e Endesa-As Pontes». Engadiu: «Tampouco houbo ningunha iniciativa do goberno provincial para intentar atallar o grave problema de perda de poboación en moitas zonas da provincia, un asunto para o que si busca solucións a Xunta de Galicia. José Tomé tivo a oportunidade de estar á altura das circunstancias e non estivo; tivo ocasión de estar do lado dos traballadores e non estivo». Dixo tamén: «A nós, aos populares, o futuro de Alcoa-San Cibrao e o de Endesa-As Pontes si nos quita o sono, pero xa vemos que no partido socialista son capaces de durmir a perna solta pase o que pase».  Considera que José Tomé limitouse a usar o cargo para lanzar mensaxes contra a Xunta e para lavarlle a cara ao Goberno de Pedro Sánchez, como fixo con Alcoa e As Pontes. Á vista da situación e da altura do ano á que nos atopamos, a voceira popular pide ao presidente da Deputación que convoque unha reunión para tratar dos próximos orzamentos.

Sobresalto coas residencias
Para Candia, «nestes cen primeiros días, o presidente da Deputación fixo saltar todas as alarmas en relación co futuro das residencias para maiores». Explicou: «Primeiro suxeriu que non se ían executar, polo menos algunhas, e máis tarde, no pleno da corporación provincial, dixo que si. Votou en contra da iniciativa do PP para asegurar o futuro das residencias. Os populares seguimos vixiantes porque, cando menos, este baile de opinións, este dicir branco onde dixen negro, quita o sono a centos de lucenses de toda a provincia».

Neste tempo, en opinión da voceira popular na Deputación, «tampouco se pode dicir algo positivo do talante do presidente provincial: mostrouse como un presidente autoritario, moi ocupado en impedir á oposición exercer o seu dereito á réplica por alusións directas e persoais; se isto o fixésemos no PP, recibiriamos duras críticas». Engadiu: «Tomé puxo de manifesto unha considerable falta de cintura política, por máis que intentou envolver en roupaxe institucional a verdade da súa falta de interese polo diálogo e a negociación».

A modo de conclusión, Candia manifestou: «Foi un tempo no que José Tomé demostrou que usa a presidencia máis para defender ao seu partido que o interese da provincia. Véxase a inacción da Deputación con respecto aos problemas de Alcoa-San Cibrao e Endesa-As Pontes. Tampouco hai que esquecer que aínda non deu unha solución aos traballadores de Suplusa. Pola súa parte, as persoas seleccionadas para traballar nas residencias de maiores seguen agardando a que alguén as chame para comezar a ocupar o posto que conseguiron cos seus méritos». En síntese, en opinión da voceira provincial do PP, «foron cen días nos que, á hora de facer balance, só podemos suspender a este goberno». Destacou: «O presidente, José Tomé, presume cada vez que ten oportunidade de que a situación cambiou na Deputación; e niso hai que darlle a razón: cambiou, si. Agora temos unha Deputación sen peso, deputados dos grupos de goberno que máis que iso actúan como os actores secundarios. Agora a Deputación de Lugo ten un presidente sen proxecto para a provincia. Agora ten pendente o cometido de sacar adiante o orzamento; veremos que proxecto presenta e veremos tamén cales son os verdadeiros intereses deste bipartito que nada novo trouxo a esta Deputación e que nada novo nin eficaz trouxo a esta provincia».

Exit mobile version