Castiñeira, quen en días pasados supervisou as deficiencias que presenta, acompañado do alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias, considera que o dirixente socialista “debe tomar unha decisión en positivo” respecto desta arteria de comunicación, pois o treito comprendido entre os puntos quilométricos 11,5 e 18 “está totalmente intransitable”.
O vicevoceiro indica, ademais, que esta petición “non é só do PP, é de todos os veciños e incluso da Corporación”. Concretamente, todos os grupos políticos deste municipio aprobaron por unanimidade dirixirse á Deputación con este mesmo fin. E é que se trata dunha estrada que comunica núcleos de poboación importantes como son Riocabo, Aldurfe e As Rodrigas.
“Eu mesmo o puiden ver en persoa. O Sr. Tomé ten que exercer a súa responsabilidade. Para iso se adxudicou a xestión da rede viaria provincial. Cremos que pedimos algo xusto, pois os propios compañeiros de Partido están en consonancia co rogo que presentamos na Deputación”. Por este motivo, e porque se trata dunha demanda reiterada dos veciños de Riotorto, Javier Castiñeira agarda que o presidente “dea as instrucións oportunas, xa que gobernar é tomar decisións; non é só vir a Lugo e, de cando vez, sacarse algunha que outra foto para xustificar o cargo”, conclúe.