Site icon Crónica3.com A Mariña

Castiñeira: «Despois de 3 concentracións multitudinarias na Mariña, ao PSOE entroulle o acongoxo político e presenta unha moción extemporánea sobre Alcoa»

 Lugo, 25, outubro, 2019. O pasado día 24 de setembro, o presidente da Deputación, José Tomé, e os outros membros do grupo socialista rexeitaron a moción presentada polo PP en defensa de Alcoa-San Cibrao. Agora, despois de tres concentracións multitudinarias na Mariña e cando está prevista outra e unha manifestación para o día 3 de novembro en Viveiro, o PSOE, xunto co BNG, presenta ao pleno do próximo martes unha moción sobre Alcoa, na que de novo intenta desviar a atención da responsabilidade que ten en exclusiva nesta materia o Goberno presidido por Pedro Sánchez. O deputado provincial popular Javier Castiñeira está convencido de que «ao PSOE entroulle o acongoxo político e ten cargo de conciencia por votar en contra da moción do PP en apoio de Alcoa-San Cibrao». Como consecuencia do «acongoxo», di Castiñeira, os socialistas «traen unha moción no mesmo sentido», quizá presionados «polo señor Caballero», secretario xeral do PSde-PSOE, á vista do triste papelón que neste asunto fixo o PSOE de Lugo e moi sinaladamente o presidente da Deputación, José Tomé.

Poucas horas despois de participar na multitudinaria concentración celebrada na noite do xoves en Burela en defensa de Alcoa, Castiñeira di: «No PP estamos sorprendidos do nivel de desesperanza do PSOE lucense neste asunto de Alcoa; agora, despois de tres concentracións multitudinarias na Mariña traen unha moción ao pleno que resulta totalmente extemporánea e que está moi lonxe de dar resposta ao que piden a empresa e os traballadores».

O mesmo deputado popular deixa unha mensaxe moi clara ao PSOE: «Señores socialistas de Lugo: Volvémoslles repetir que as competencias en materia de enerxía son do Goberno de España». E engade unha recomendación: «Escoiten as propostas que fixo a Xunta que son, en definitiva, as que lles valen á empresa, aos traballadores e a todos os mariñáns. E, por suposto, non se esquezan de mostrar o estatuto de consumidores electrointensivos que, con todo respecto, máis que estatuto parece o Códice Calixtino».

Castiñeira recordou que as propostas da Xunta para o estatuto se resumen en medidas de carácter fiscal, como a supresión do imposto do 7% á xeración eléctrica a todos os consumidores; redución de cargas e peaxes recollidos nas tarifas de acceso, ampliación das axudas compensatorias por custos de emisión indirectas de CO2, fomento da contratación de contratos bilaterais de enerxía eléctrica e incorporación da categoría do consumidor hiper-electrointensivo.

Exit mobile version