Site icon Crónica3.com A Mariña

Candia: “Ábalos incorre na desvergonza de dar un mitin en Lugo e non falar de Alcoa e Endesa”

Mondoñedo, 19 de outubro, 2019. Días atrás, a ministra de Industria, Reyes Maroto, foi incapaz de adquirir ningún compromiso real coa plantilla de Alcoa durante a visita que efectou ás instalacións da industria de San Cibrao. E agora, o ministro de Fomento, José Luis Ábalos, participa nun acto de precampaña en Lugo capital e tampouco é capaz de transmitir unha mensaxe minimamente tranquilizadora para os traballadores de Alcoa-San Cibrao e de Endesa-As Pontes. A presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia, califica de inadmisible o que considera unha verdadeira falta de respecto do Goberno de Pedro Sánchez coa provincia de Lugo. Destaca así que mentres miles de familias están preocupadas polo seu futuro, debido ás crises que sofren Alcoa-San Cibrao e Endesa-As Pontes, o ministro fai precampaña na capital da provincia e non ten nada que dicir das medidas necesarias para resolver os problemas das dúas industrias, medidas que unicamente pode adoptar o Goberno central, do que é parte.

Elena Candia di que xa está demostrado que nada se pode esperar en Lugo do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, cuxo discurso é sempre totalmente baleiro de contido, repleto de tópicos e recursos do prontuario socialista e axeno á realidade lucense. Nada se pode esperar de este galego, di Candia, que non é capaz de transmitir a Pedro Sánchez a relevancia fundamental que teñen para Lugo Alcoa-San Cibrao e Endesa-As Pontes. Pero, sinala Candia, era posible pensar que se o ministro de Fomento participaba na precampaña das eleccións xerais en Lugo traería algunha solución para esas dúas empresas en crise. Pero non, nada de solucións, nada de nada. Unicamente -declarou Candia- veu falar do AVE, ese tren que xa tiña que estar circulando polas vías galegas e aínda seguimos a esperar. E fala do AVE a Lugo, cando coas infraestruturas actuais non só non é posible o AVE, nin sequera un tren que alcance velocidades dignas do tempo en que vivimos. Aclarounos, iso si, o ministro Ábalos que o Goberno está «en plenitude de funcións»; nesa apreciación coincide con nós, destaca Elena Candia, por iso pedimos incesantemente que adopte de inmediato as medidas precisas para rebaixar o custe da enerxía eléctrica para que Alcoa-San Cibrao teña futuro. Si, está en «plenitude de funcións» pero no caso de Lugo non exerce.

A presidenta provincial do PP di: «Se pola inacción do Goberno central, Alcoa-San Cibrao e Endesa-As Pontes pechan as súas portas, os lucenses terán que saber que deberán dar as grazas debidamente ao Goberno socialista presidido por Pedro Sánchez». O silencio do ministro Ábalos sobre esas dúas industrias é máis elocuente que a máis expresiva das declaracións, di Candia, que recordou que miles de persoas se manifestaron para pedir medidas para salvar Endesa-As Pontes e Alcoa-San Cibrao.

Exit mobile version