Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela prepárase para a concentración en apoio a Alcoa, que terá lugar este xoves, día 24, na praza do Concello. Desde este luns xa se pode ver unha pancarta na fachada da Casa Consistorial

 Burela, 21 de outubro de 2019. Burela prepárase para a concentración en apoio a Alcoa, que terá lugar o vindeiro xoves, 24 de outubro. Desde hoxe na fachada do Concello xa se pode ver unha pancarta na que se le “Peches non. Enerxía Solución. Por un prezo da enerxía xusto para todos. Na defensa dos postos de traballo. Comité de empresa de Alcoa San Cibrao”.
O alcalde burelés contou que “colocamos unha pancarta no Concello porque queremos colaborar con toda a xente que está a traballar, que somos practicamente todos os habitantes da Mariña, para que se manteña e se conserve a súa capacidade produtiva e de emprego a factoría de Alcoa na nosa comarca”.
Llano lembrou que “vamos facer unha concentración o xoves 24 de outubro ás oito e media da tarde na Praza do Concello de Burela. Espero que esteamos aquí moita xente, todos co mesmo propósito de insistir e fortalecer a idea de que Alcoa debe quedarse na Mariña durante moito tempo”.
O rexedor convida “a todo o mundo a participar: colectivos, particulares, empresas, asociacións, … todos os que poidan que se acheguen a Burela porque é unha boa ocasión para manifestar o noso apoio a esta factoría o xoves 24 ás oito e media da tarde”.

Exit mobile version