Balseiro inaugurou hoxe unha xornada sobre a saúde mental e contra a violencia de xénero organizada pola Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña, onde sinalou que é preciso analizar os factores persoais e estruturais que incrementan o risco de violencia entre as mulleres con enfermidade mental e a súa vulnerabilidade. Tamén instou a visibilizar a situación destas mulleres para rachar coas barreiras sociais e as internas das propias vítimas que fan que estes casos permanezan moitas veces ocultos e que dificultan a súa saída da violencia.
A Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña conta desde principios de ano coa primeira vivenda tutelada para mulleres con enfermidade mental vítimas de violencia de xénero. A finalidade desta vivenda tutelada é proporcionar apoio, aloxamento, manutención e atención integral ás mulleres con enfermidade mental, vítimas de violencia de xénero e as súas fillas e fillos, garantíndolles un espazo de protección e recuperación.
Trátase da primeira vivenda destas características na comunidade galega, que se puxo en marcha a través das medidas levadas a cabo ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. E dá cumprimento precisamente a varios obxectivos fixados no acordo que recolle, por unha parte, a necesidade de mellorar a adaptación dos recursos de apoio e atención, como as casas de acollida, para que sexan axeitados para todas as mulleres. O Pacto de Estado tamén insta a asegurar recursos habitacionais suficientes e dignos para as vítimas mediante o impulso de vivendas sociais.