Varios partidos políticos adiantaron que se chegan ao Goberno teñen intención de tomar medidas para restrinxir os dereitos lingüísticos da cidadanía que quere vivir en linguas propias. “Por iso, non queremos dirixirnos a eses partidos”, afirma Maceira, “demandamos ao resto do arco parlamentario que fagan seus os compromisos recollidos no documento”. Para conseguilo, na reunión de hoxe decidiron pór en marcha diferentes dinámicas para socializar o contido do documento e recoller compromisos concretos dos partidos políticos, entre outras, realizarán unha comparecencia conxunta en Madrid a finais de mes.
A Mesa pola Normalización Lingüística é unha plataforma independente, plural e apartidaria que ten como único obxectivo a promoción do uso do galego en todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma. O seu papel é o de emprender iniciativas que sensibilicen a poboación e que abran novas vías de uso do noso idioma en distintos ámbitos, así como denunciar todo tipo de agresións e discriminacións que poida sufrir a lingua galega e asegurar que se respecte o seu uso individual e colectivo. Calquera persoa sensíbel coa causa do idioma galego pode facer parte da Mesa, que coas súas 4000 socias e socios é a maior asociación cultural de Galiza. Todas aquelas persoas que coñezan ou sofran casos de discriminación polo uso do galego poden tramitar a súa denuncia a través da Liña do galego.