Ribadeo, 11 de outubro, 2019. Dende o Departamento de Filosofía, en colaboración co de Bioloxía, organízase entre o luns 7 e o luns 28 de outubro unha actividade titulada “Reservas da Biosfera”. Esta exposición da continuidade á actividade sobre a Crise Climática realizada o pasado venres 27 de setembro.
Esta exposición sobre as Reservas da Biosfera foi creada polo Grupo de Desenvolvemento Rural “Mariñas – Betanzos” no marco da presentación da candidatura da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, coa colaboración do CEIDA (Centro para a Educación Ambiental en Galicia). As reservas da Biosfera decláranse pola UNESCO no marco do Programa MaB (Home e Biosfera). A finais de 2012 había 563 reservas en 110 países. Teñen por finalidade harmonizar a conservación do patrimonio natural e cultura, e o desenvolvemento sostible da súa poboación.
A preocupación polo clima, os valores ecolóxicos, os recursos naturais, e a necesaria conservación dos nosos espazos verdes son garantía dunha educación ambiental entre o noso alumnado. Xerar hábitos e rutinas de respecto á Natureza é un obxectivo prioritario na aprendizaxe de valores que o presente curso o departamento de Filosofía, en colaboración co departamento de Bioloxía levaremos a cabo no noso espazo educativo. Queremos consolidar o centro como un centro verde, o que é sinónimo de ecolóxico e promotor de valores ambientais como o respecto á flora e fauna, e o manexo responsable da auga e todo tipo de residuos.
Por estas razóns ofrecemos ao alumnado do centro e a toda a cidadanía a posibilidade de coñecer as reservas da biosfera do noso estado, onde están, que son, cal é a súa estrutura e funcións, quen as xestiona, que beneficios reporta, cales son os elementos imprescindibles para manter esta situación e impedir que suframos unha catástrofe ecolóxica,… A pesar de que parece inevitable estamos obrigados a facer todo o que estea ao noso alcance para minimizar o dano que xa facemos á Natureza. A fin de contas NOS somos Natureza, e non poderiamos sobrevivir sen ela.