O concelleiro de Cultura, Manuel Arango, explicou que “o sábado 2 de novembro dará comezo a terceira edición do Certame de Teatro Concello de Lourenzá. Abrirá o telón a compañía Coles Teatro, de Ourense, coa obra A tía Rosita. Será ás 20:30 horas no salón de actos do Concello. A última das obras que se presentan a concurso representarase o domingo 1 de decembro. Este certame de teatro rematará o sábado 14 de decembro cunha gala de entrega de premios na carpa que se instalará no Campo dos Bolos e que contará coa actuación do humorista galego Sergio Pazos, co monólogo Rebento se non o conto”.
A segunda representación do certame será o domingo 3 de novembro ás 20:00 horas. Trátase da obra All you need is war, de O Catre Teatro (As Pontes).
O venres 15 de novembro ás 20:30 horas Touporroutou, de Foz, ofrecerá Comedia bífida; e o sábado 16 á mesma hora Carauta Teatro, de Santiago, representará Un! dous! tres!
O certame continuará o sábado 23 ás 20:30 horas con Fauna 113, de Vigo, que porá en escena A última cea. E o domingo 24 ás 20:00 horas Matabelas Teatro, de Teo, ofrecerá a obra A estraña familia.
As actuacións do certame rematarán a fin de semana do 30 de novembro e 1 de decembro. O sábado ás 20:30 horas Avelaíña Teatro, de Pontevedra, representará A Lola e o domingo ás 20:00 horas Gargallada Teatro, de O Barco de Valdeorras, ofrecerá Fuga.