Ribadeo, 28 de outubro de 2019. Os locais hostaleiros asociados a Acisa poderán pechar unha hora máis tarde as madrugadas do 31 de outubro ao 3 de novembro, do 5 ao 8 de decembro e tamén do 23 ao 25 de decembro e do 30 al 31 de decembro, así como as madrugadas dos venres e dos sábados do último mes do ano. Pendente queda a notificación para a madrugada de fin de ano.
Desde a xerencia de Acisa, Jesús Pérez, explica que “a ampliación horaria para as datas indicadas será dunha hora sobre a habitual que marcan as licencias correspondentes. No caso de fin de ano a ampliación solicitada é de tres horas máis, pero está pendente de aprobación e será comunicada aos nosos asociados e asociadas ao longo do vindeiro mes de novembro”.
Pérez lembra que “so se poden beneficiar desta ampliación os establecementos asociados a Acisa Ribadeo, por iso dende a asociación creemos que este é un servizo moi interesante e unha vantaxe mais para que outros hostaleiros se dean de alta na nosa asociación”. E subliña que “esta ampliación é concedida pola Consellería de Presidencia da Xunta, tras un informe favorable do Concello de Ribadeo e da Comisión de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia, e está amparado pola Lei 10/2017de espectáculos públicos e actividades recreativas e pola orde do 16 de xuño de 2005, onde se establece a posibilidade de solicitar ditas ampliación pagando as correspondentes taxas”.
Desde a directiva de Acisa insisten en que “as forzas de seguridade están ao tanto dos establecementos asociados que se benefician destas ampliacións horarias para evitar molestias e para velar polo cumprimento desta normativa. Cremos que en especial no Nadal, datas de moitas celebracións e de ceas de empresa, este servizo que prestamos é moi positivo para as asociadas e asociados”.
Tapeo en novembro
A vindeira semana, os días 7 e 8 de novembro, dará comezo unha nova actividade que se desenvolverá ao longo dos xoves e venres dese mes. “Trátase dun tapeo co que pretendemos dinamizar as esas noites de novembro, que é un mes moi baixo para o sector hostaleiro. Aqueles locais que queiran participar teñen ata mañá, día 29, para anotarse en Acisa”, engade Jesús Pérez, o xerente da asociación.