Site icon Crónica3.com A Mariña

ABANCA, Afundación e o Concello de Viveiro asinaron un convenio de colaboración cultural

sdr

Viveiro, 1 de outubro, 2019. ABANCA, Afundación e o Concello de Viveiro asinaron este mañá martes 1 de outubro, no Concello de Viveiro, un convenio de colaboración cultural mediante o cal as tres entidades desenvolverán a exposición «Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia». Asistiron á sinatura a alcaldesa do Concello de Viveiro, María Loureiro; o coordinador de Negocio Institucional de ABANCA en Lugo, Óscar Rodríguez; e a coordinadora Institucional de Afundación para Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.
Os fondos que articulan esta mostra proceden da prestixiosa institución neoiorquina The Hispanic Society of America, que atesoura a colección de arte hispana máis importante alén do territorio español. As imaxes seleccionadas pertencen ao relato documental que Ruth Matilda Anderson elaborou durante a súa viaxe de investigación en Galicia entre os anos 1924 e 1926 a instancias do fundador de The Hispanic Society of America, o filántropo e hispanista Archer Milton Huntington. A devandita exposición, de entrada libre e gratuíta, poderase visitar do 3 ao 27 de outubro na Sala de exposicións da Biblioteca Municipal de Viveiro, de luns a venres en horario de 8.30 a 15.00 h e de 16.30 a 20.30, e os sábados de 10.00 a 14.00 h.
Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

Exit mobile version