Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta pide ao Ministerio de Industria que faga pública a proposta do estatuto electrointensivo para trasladar confianza e certezas a empresas como Alcoa

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visitou a planta de Alcoa San Cibra onde estivo acompañado pola ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto. Alcoa San Cibrao, San Cibrao (Lugo), 8 de outubro de 2019

Cervo, 8 de outubro de 2019.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediu hoxe ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo que faga pública a proposta do estatuto do consumidor electrointensivo para trasladar confianza e certezas a empresas como Alcoa.

Durante unha visita á planta de Alcoa San Cibrao xunto á ministra de Industria, Reyes Maroto, Feijóo incidiu na necesidade de coñecer o contido e alcance do estatuto e do que a Xunta aínda non ten borrador, para poder mandar unha mensaxe de tranquilidade aos 2.000 traballadores de Alcoa, á comarca, así como ás empresas hiperelectrointensivas como esta, dixo, subliñando a necesidade de que se inclúa un apartado para as empresas deste tipo.

Nesta liña, recordou que no caso de Alcoa a enerxía supón máis do 40% dos custos totais de produción, unha porcentaxe moi superior ao doutras fábricas en Europa, xa que o prezo do megavatio/hora subiu un 50% nos últimos dous anos. “Hai que polo tanto buscar e atopar a solución necesaria para volver aos custos eléctricos que había antes de 2018, xa que se estabamos no entorno dos 35€/MW, agora estamos nos 50 €/MW”, precisou.

O titular da Xunta expresou a importancia de que todas as administracións traballen unidas para buscar solucións que acheguen estabilidade e garantías; “e sexa cal sexa o próximo Goberno central a postura da Xunta será a mesma, tratar de buscar un horizonte estable para conseguir dous obxectivos: o mantemento da actividade industrial e os postos de traballo”, abundou.

Ademais da necesidade de pechar o Estatuto do consumidor electrointensivo, avogou tamén por incorporar á mesa de traballo en Madrid ao comité de empresa de Alcoa San Cibrao, parte esencial para a busca de solucións. E reiterou a importancia de que o Goberno central aprobe canto antes a xa anunciada ampliación das compensacións dos gastos indirectos de CO2; “unha medida –recordou- que está autorizada por Bruxelas”.

O presidente do Executivo galego concluíu aseverando que a Xunta sempre estará á disposición do Goberno de España para apostar pola estabilidade e o futuro da industria e o emprego na Comunidade.

Exit mobile version