Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta organiza tres cursos con 64 prazas para persoal voluntario de protección civil da provincia, un deles no Vicedo

 Lugo, 09 de outubro de 2019.- A Xunta de Galicia organiza tres cursos para persoal das agrupacións de voluntarios de Protección Civil (APVCs), que forman parte da programación de actividades formativas para o segundo semestre do ano na provincia de Lugo.

O delegado territorial da Administración autonómica, José Manuel Balseiro, explicou que en total se ofertan 64 prazas. O calendario previsto comeza en Chantada do 1 ao 3 de novembro cun curso sobre accidentes na estrada, que terá 34 horas lectivas e conta con 20 prazas. O contido centrarase na prevención e intervención en accidentes de tráfico.

Por outra banda, no Vicedo desenvolverase o día 9 de novembro un curso sobre manexo de desfibriladores externos (DESA), co obxecto de que os participantes adquiran a formación necesaria para a súa utilización. Oferta 24 prazas e terá oito horas lectivas.

Así mesmo, os días 23 e 24 de novembro haberá formación sobre busca e salvamento de persoas desaparecidas no Saviñao. Impartiranse 16 horas lectivas e hai 20 prazas. A actividade ten por obxecto capacitar ao alumnado para participar con éxito en operativos de busca de persoas desaparecidas, tanto no ámbito urbano coma no rural.

As accións formativas están organizadas pola Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), organismo dependente da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Exit mobile version