O Incio, 18 de outubro de 2019. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, entregou hoxe tres vehículos pick-up e sete remolques para reforzar e dotar de máis equipamento ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de 10 concellos da provincia de Lugo. O Goberno galego continúa a consolidar a súa folla de ruta para dar unha mellor resposta ante as emerxencias coa adquisición de equipamento operativo para os servizos municipais.
Desta volta, os concellos de Ribeira de Piquín, Trabada e O Incio recibiron cada un deles, un vehículo pick-up; mentres que a Negueira de Muñiz, Cervantes, Lourenzá, Quiroga, O Vicedo, Sober e Palas de Rei foille entregado un remolque equipado con material de emerxencias. Este tipo de remolques conta para as súas funcións cun equipamento mínimo consistente nunha electrobomba sumerxible, unha motobomba para augas residuais, xeradores de electricidade portátil, motoserra, rozadora, torre de iluminación kit de balizamento e sinalización.
O vicepresidente da Xunta destacou a labor altruísta dos voluntarios, que contribúen a ofrecer un mellor servizo aos cidadáns . Por iso, destacou a importancia da colaboración da Xunta cos concellos en materia de protección civil e emerxencias para dotalos dun equipamento adecuado que permita acadar unha maior seguridade para os membros dos servizos municipais e, por ende, dos seus veciños. Nesta liña, Alfonso Rueda lembrou o compromiso da Xunta para conseguir que a atención ás emerxencias sexa eficaz e estea garantida en todo o territorio galego, con independencia da situación xeográfica do concello.
Esta entrega da continuación ao camiño iniciado nos últimos anos de dotar de máis material e equipamento de emerxencias ás Agrupacións de Protección Civil e aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) co obxectivo de mellorar a calidade de resposta e a seguridade nas actuacións de prevención de riscos e nas intervencións en emerxencias, sobre todo nas provocadas por fenómenos meteorolóxicos adversos ou incendios forestais.