Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta defende unha transición xusta e ordenada na que se garanta o mantemento dos postos de traballo das centrais térmicas

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia, a petición propia, para abordar a situación das centrais térmicas en Galicia e a necesidade dunha transición enerxética xusta e ordenada que, defendeu, ten que garantir o mantemento da actividade industrial e dos postos de traballo.

Así, incidiu en que a transición non debe xerar damnificados, en referencia ao preto de milleiro de familias que dependen das centrais galegas, e avogou por unha transición que supoña unha solución para todos e non un problema para unha parte da poboación.

Deste xeito, Conde ratificou o compromiso do Goberno galego cunha transición enerxética “xusta, ordenada e que non deixe de lado á industria, ás comarcas e ao emprego”, en definitiva, unha Galicia cada vez máis verde. De feito a Comunidade é a segunda que máis enerxía renovable produce de España e traballa para rematar 2020 con preto de 8000MW de enerxías limpas. Tal e como lembrou o conselleiro, Galicia vén de aprobar a Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 para ser un referente no avance cara a un modelo económico baixo en emisións e xa están en marcha as Directrices enerxéticas 2018-2020.

O conselleiro insistiu en que rachar co presente sen ter definido o futuro “non é unha opción para Galicia” e explicou que a propia Endesa recoñece que as probas que está realizando coa biomasa forestal non supoñen, neste momento, unha alternativa viable e que, actualmente, sen as térmicas Galicia pasaría de ser excedentaria na produción enerxética a importadora. Por este motivo, solicitou as mesas regras de xogo que no resto da UE, onde a transición se está abordando dun xeito planificado.

A Xunta defende, pois, que os traballadores das térmicas non paguen as consecuencias da transición e que, fronte á paralización total da empresa, se reactive a súa actividade ata que se atopen os mecanismos que garantan a súa viabilidade. Mentres isto non ocorre, pide ao Goberno que reaccione de xeito inmediato, antes de que sexa demasiado tarde, activando medidas urxentes pola vía da fiscalidade -eliminación do céntimo verde ao carbón, redución da fiscalidade á produción de xeración eléctrica do carbón e pagos por capacidade para as térmicas- e o traballo conxunto na busca de solucións reais. Neste sentido é necesario que Galicia forme parte da Estratexia de transición xusta 2019-2021 que aínda non foi activada polo Goberno, así como a inclusión de Galicia na Plataforma europea de rexións mineiras en transición.

Conde pediu ao Goberno, a Endesa e ao resto de partidos da Cámara que se sumen a unha fronte común e que participen da alianza que onte puxeron en marcha a Xunta e o Concello das Pontes.

O conselleiro concluíu asegurando que a posición de Galicia neste asunto é firme: a Comunidade autónoma vai defender as súas centrais térmicas para o mantemento dos postos de traballo e, así, evitar que Galicia importe enerxía e exporte emprego: “Galicia non se merece unha transición enerxética radical, inxusta e desordenada que provoque o peche das súas industrias”.

Exit mobile version