Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta dará traslado aos partidos nacionais dunha proposta de medidas para garantir un prezo competitivo da enerxía ás industrias electrointensivas como Alcoa

Padrón (A Coruña), 22 de outubro de 2019. O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que a Xunta dará traslado aos partidos nacionais dunha proposta de medidas para garantir un prezo competitivo da enerxía ás industrias electrointensivas como Alcoa. Unhas medidas, precisou, que serán concretadas polo conselleiro de Economía, nas próximas horas, co obxectivo de que a industria galega poida dar pasos adiante.

Durante unha visita ás instalacións de Aluminios Cortizo e ante a falla de resposta do Goberno central, que segue sen presentar un Estatuto dos consumidores electrointensivos para garantir un prezo da luz competitivo, Feijóo incidiu en que Alcoa non pode competir en igualdade de condicións co resto da industria europea por culpa dun prezo eléctrico elevado.

Ao longo da súa intervención, Feijóo reiterou a necesidade de que as administracións traballen para eliminar trabas e actúen con axilidade para deixar medrar ás empresas e apoiar as súas aspiracións para innovar. Ao respecto, recordou que o sector do aluminio é clave en Galicia con preto de 4.000 empregos.

En relación á innovación, o titular da Xunta referiuse a Cortizo como un exemplo máis de que a Comunidade conta con empresas que apostan por seguir crecendo en Galicia e pola I+D+i, resaltando a creación do seu campus tecnolóxico que con case 30.000 metros cadrados creará máis de 300 empregos, afondando na preparación de profesionais.

Este campus contará cun edificio dedicado á investigación e á formación, cun equipo de 350 enxeñeiros; e cun laboratorio para, por exemplo, testar o comportamento das fachadas fronte ás condicións máis estremas. Ademais dun edificio social pensado para o benestar dos seus traballadores, con recursos de entretemento, deporte e conciliación, coa construción dunha gardería.

O responsable do Goberno galego salientou que esta empresa, presente xa en 60 países, dá traballo a máis de 3.000 persoas –máis de 1.600 en Galicia-, conta con 9 plantas de produción, con 31 centros loxísticos e con 26 delegacións comerciais e, en 2018 alcanzou un novo récord de facturación, de produción e de emprego, xerando 286 novos postos de traballo.

Feijóo concluíu aseverando que a Comunidade seguirá comprometida coa formación e a innovación, a través do Programa Talento 2021, co que se aspira a xerar, reter e atraer a Galicia a 1.500 profesionais de I+D+i, ou co Plan de formación encamiñado a mellorar a cualificación de 50.000 traballadores.

Exit mobile version