Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta convida aos comerciantes lucenses a sumarse á nova rede de comercios e mercados no Camiño

 Lugo, 23 de outubro de 2019.- A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, informou hoxe aos comerciantes lucenses da convocatoria para poñer en marcha a nova Rede de Comercios e Mercados no Camiño, unha iniciativa que permitirá potenciar as vendas do comercio de proximidade ao tempo que servirá para mellorar os servizos que estes establecementos prestan aos peregrinos nos 138 concellos polos que transcorren as diferentes rutas de peregrinación.

Tal e como sinalou Vázquez Abeal no encontro, celebrado na sede da Federación Galega de Comercio, poden sumarse a esta Rede de xeito gratuíto tanto os establecementos comerciais como as asociacións de vendedores de prazas de abastos. Ademais, as agrupacións de comerciantes locais poderán solicitar a adhesión en nome dos seus asociados. O primeiro prazo para facelo permanecerá aberto ata o vindeiro 8 de novembro.

Os establecementos que se adhiran á rede recibirán un pack de benvida con distintos elementos promocionais para os seus clientes e un distintivo identificativo para o local. Ademais, poderán beneficiarse das diferentes actuacións de dinamización que se leven a cabo en torno á Rede para apoiar a celebración do Xacobeo 2021, co obxectivo de animar tanto aos peregrinos como aos veciños das vilas e cidades a consumir produtos de proximidade no comercio local.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria busca, por un lado, a dinamización comercial do Camiño, potenciando as vendas e a visibilización dos comercios e mercados situados nos Camiños de Santiago e, por outra banda, mellorar os servizos comerciais ofrecidos aos camiñantes e que estes manteñan a súa relación de clientes a través dos diferentes canais on line de comercialización cando volvan aos seus lugares de orixe.

A orde que regula a adhesión de establecementos a esta Rede inclúe tamén unha convocatoria de axudas de ata 2.800 euros por beneficiario para que os comercios adheridos que así o desexen editen coa imaxe da Rede de Comercios e Mercados no Camiño solucións en material biodegradable de empaquetado exterior, tanto para o seu envío como para a presentación do produto, protección ou para o seu consumo. Tamén poderán obter apoios para a edición personalizada de selos para as credenciais dos peregrinos.

Esta nova iniciativa coincide coa directrices que se tratan de desenvolver a través do Comercio 360, unha iniciativa que responde aos cambios que a dixitalización e os novos hábitos de consumo están introducindo no sector, anticipándose así ás necesidades dos consumidores.

Ademais, recolle un dos principais obxectivos do Plan Estratéxico do Xacobeo 21, que pasa por facer deste evento a panca de cambio da Galicia da próxima década, impulsando non só a vertente reflexiva e cultural desta celebración, senón permitindo, ademais, o desenvolvemento económico e a dinamización dos concellos polos que discorren os diferentes Camiños, maioritariamente no rural.

Exit mobile version