Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta apoia con 1,9m€ 140 proxectos de mellora da eficiencia enerxética promovidos por empresas, autónomos, entidades sen ánimo de lucro e concellos da provincia

 Lugo, 28 de outubro de 2019.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia, apoia con 1,9 millóns de euros 140 proxectos de mellora da eficiencia enerxética e impulso de enerxías renovables promovidos por empresas, persoas traballadoras autónomas, entidades sen ánimo de lucro e concellos da provincia de Lugo.

O importe medio das subvencións aprobadas pola Xunta na provincia de Lugo chega ao 49% do investimento realizado, isto é case a metade do orzamento mobilizado, que superou no seu conxunto os 3,8 millóns de euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que as axudas forman parte do compromiso da Xunta por achegar a empresas e administracións a cultura da eficiencia e do aforro enerxético e avanzar na procura dunha “Galicia máis verde”, que é unha das liñas estratéxicas do Goberno galego para os vindeiros anos.

Exemplos concretos
Para visualizar e comprender mellor esta liña de axudas entre os proxectos beneficiarios figuran iniciativas como obras de rehabilitación enerxética de fachadas e teitos de distintos inmobles (envolvente térmica), instalacións solares fotovoltaicas e de xeotermia, caldeiras de biomasa; introdución de equipamentos eólicos de pequena potencia dirixidos ao autoconsumo, renovación de equipos de iluminación e sinalización exterior, etcétera.

Empresas, autónomos e entidades locais e sen ánimo de lucro
A maior parte dos proxectos que recibiron axuda (73%) foron promovidos por empresas, en concreto 102 proxectos, que permitiron mobilizar investimentos por valor de 3,1 millóns de euros e apoiados por axudas de 1,4 millóns de euros; seguidos de proxectos impulsados por persoas traballadoras autónomas, que promoveron 30 proxectos, por valor de 425.000 euros e unhas axudas totais de 192.00 euros; e finalmente atopamos proxectos promovidos por entidades sen ánimo de lucro e por concellos, que suman 8 proxectos.

Proxectos aprobados en todas as comarcas luguesas
As axudas distribúense pola práctica totalidade da provincia, con proxectos de maior ou menor contía en case todos os concellos lucenses. A zona con máis iniciativas beneficiarias é a zona Sur, con 53 proxectos, que reciben 722.100 euros que permitiron apoiar proxectos por 1,4 millóns de euros.

Na distribución comarcal tamén atopamos, en segundo lugar, a comarca de Sarria, con 28 proxectos, que perciben 258.000 euros, para mobilizar 531.300 euros. Na comarca de Lugo apóianse 20 iniciativas con 571.000 euros o que permitiron mobilizar investimento por valor de 1,3 millóns de euros.

Na Terra Cha, atopamos 17 iniciativas, con 165.000 euros de axudas e un investimento mobilizado de 316.300 euros. Tamén hai 12 proxectos subvencionados na Mariña lucense, con 88.500 euros de axudas e 196.700 euros de investimento mobilizado.

Finalmente, na comarca da Ulloa, atopamos 7 iniciativas, que perciben 44.300 euros que permiten un investimento mobilizado de 84.300 euros. E, na Montaña luguesa, hai 3 expedientes, con axudas por 9.500 euros e investimentos por valor de 18.500 euros.

Estas axudas súmanse a outras que xa se convocaron este mesmo ano, como os apoios para as familias ou para a instalación de caldeiras de biomasa en domicilios particulares.

Exit mobile version