Viveiro, 10 de outubro de 2019.- A Xunta vén de conceder axudas por un importe global de 163.400 euros para impulsar a competitividade do comercio da Mariña mediante a colaboración coas asociacións de comerciantes de Viveiro, Foz e Ribadeo, a asociación de vendedores da Praza de Abastos desta última localidade e a entidade supramunicipal A Mariña Federación.
A Consellería de Economía, Emprego e Industria publicou no Diario Oficial de Galicia a resolución de dous programas dirixidos a reforzar o papel destas entidades na dinamización do comercio das vilas e cidades galegas a través de iniciativas que permiten atraer clientela e mellorar os servizos que se ofrecen aos consumidores.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presentou hoxe ambos programas xunto con Isabel Méndez, xerente do Centro Comercial Casco Histórico de Viveiro; Jesús Pérez, xerente da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo; e José Carlos Paleo, presidente do Centro Comercial Aberto de Foz e tamén da Mariña Federación.
Balseiro explicou que se concederon axudas aos centros comerciais abertos para proxectos que inclúan iniciativas de dinamización comercial, sistemas de fidelización, sinalización externa ou mellora da competitividade comercial, entre outros.
No caso da Mariña, os tres centros comerciais abertos beneficiados recibiron a contía máxima establecida, 40.000 euros cada un. Tamén a Praza de Abastos de Ribadeo obtivo a achega máxima prevista para esta modalidade, 9.800 euros, que poden destinar tanto a proxectos de fidelización, sinalización, dinamización e competitividade, como á mellora de instalacións e equipamentos.
Pola súa banda, A Mariña Federación obtivo 33.600 euros ao abeiro dun segundo programa dirixido a asociacións de ámbito superior ao municipal para o impulso do comercio de proximidade e a incentivación do consumo a través do tícket de dinamización comercial. Esta entidade aglutina ás asociacións de comerciantes de Viveiro, Covas, Burela, Ribadeo, Foz, Lourenzá, O Vicedo e Xove.
Precisamente nestes días estase a desenvolver nas distintas localidades a campaña “1.000 motivos para mercar na Mariña”, que promove o consumo nos comercios asociados sorteando vales de compra entre os clientes.