A meirande parte do solo adxudicado corresponde ao parque empresarial da Reigosa, no concello pontevedrés de Ponte Caldelas, onde se adxudicou unha parcela de 15.000 metros cadrados. En Carballo (A Coruña) e en Viveiro (Lugo) tamén se aprobou a adxudicación dunha parcela en cada caso, con superficies de 4.274 e 1.213 metros cadrados, respectivamente.
Grazas ás rebaixas sobre o prezo de venda do solo empresarial que vén aplicando a Xunta desde 2015, a día de hoxe adxudicáronse xa en réxime de compravenda ou en dereito de superficie máis de dous millóns de metros cadrados nos parques promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e a empresa pública Xestur.
As bonificacións realizadas durante este período aproxímanse aos 48 millóns de euros, mentres que o valor das parcelas adxudicadas en dereito de superficie supera os 13,6 millóns de euros. Deste xeito, a aposta da Xunta de Galicia por incentivar a actividade das empresas galegas pola vía do estímulo á adquisición de solo traduciuse en preto de 62 millóns de euros desde o ano 2015.
O investimento estimado que realizarán as empresas adxudicatarias de solo bonificado ou en dereito de superficie ascende a máis de 375 millóns de euros e grazas a el calcúlase que se posibilitará a creación de máis de 6.100 postos de traballo.