O volume, que toma como referencia as anotacións e vivencias do pai do autor, Eugenio Niñe, patrón desta embarcación de cabotaxe entre 1950 e 1965, apela á memoria da veciñanza de Foz, que medrou aredor do mar e das rutas de transporte marítimo que dinamizaron a costa cantábrica ata ben entrada a segunda metade do século pasado.
Esta apelación á memoria estivo presente ao longo da presentación na que se proxectaron parte das fotografías que ilustran o libro. Tamén se debullou parte do contido da publicación que, ademais de contextualizar a historia do San Lorenzo no Foz de mediados do século pasado, afonda na construción do barco, as viaxes realizadas entre a Baiona de Iparralde e a Ría de Vigo, a tripulación, os portos, salarios e materiais transportados pero tamén recrea anécdotas e tempos de festa e lecer a bordo do barco.
A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, e o primeiro tenente de alcalde de Foz, Francisco Xavier Fanego, acompañaron ao autor, destacando o seu interese por investigar e dar a coñecer o patrimonio e a historia local. No acto tamén participou o mestre Bernardo Penabade, quen fixo a revisión linguística e escribiu o prólogo do libro.
Ao finalizar o acto, o autor entregou exemplares da obra aos directores e directoras dos centros educativos de Foz. Os asistentes tamén foron obsequiados cun exemplar do libro.