Site icon Crónica3.com A Mariña

A nova residencia de Ribadeo acolleu os actos de celebración do Día do Maior

 Ribadeo, 11 de outubro de 2019. A nova residencia de Ribadeo acolleu os actos de celebración do Día do Maior aos que asistiron os seus usuarios e tamén os do centro de día, acompañados de familiares e do persoal de ambas instalacións.
A directora da residencia, Carmen Rubiños, foi a encargada de darlles a benvida e dúas usuarias Inés e Carmen foron as encargadas de ler un manifesto no que sinalaron, entre outras cousas, que “temos dereito a ser coidadas sen anularnos, dereito a que nos protexades sen mentirnos, dereito tamén á dignidade e á intimidade, porque ser unha persoa maior é unha etapa máis da vida”. E engadiron: “temos dereito a que non nos discriminedes pola nosa idade, vai en contra dos nosos dereitos que nos etiquetedes como persoas incapaces e improdutivas. A ecuación é sinxela: pedimos as mesmas oportunidades, beneficios e privilexios con máis comprensión, paciencia e agarimo”.
Durante a xornada os asistentes puideron participar en diferentes obradoiros de actividades. Un deles foi a elaboración dunha espiral en papel, que se proxectou ademais en vídeo.
O alumnado de 1º e 2º de Dependencia do CIFP Porta da Auga tamén estivo presente na cita e levou un par de agasallos, un para a residencia e outro para o centro de día. A nota musical púxoa o coro Ecos do Miño, de Lugo. A celebración rematou cuns pinchos para todos e todas os/as asistentes.
En representación do Concello de Ribadeo asistiu o concelleiro Jorge Díaz Freije.

Exit mobile version