A Mariña, 4 de outubro de 2019. A Mancomunidade de Concellos da Mariña abordou, no pleno celebrado esta semana, a conta xeral, a presenza dos Concellos mariñáns na vindeira edición de Fitur, o reparto de contedores de lixo e o programa integrado de emprego. O presidente, Alfredo LLano, subliñou a boa xestión económica que se realizou estes anos, xa que a entidade conta cun remanente de 200.000 euros, e tamén o traballo feito para lograr a inserción laboral da terceira parte dos participantes no programa de emprego que remata a finais de outubro.
Llano sinalou que “aprobamos a conta xeral. Hai que dicir que foi todo positivo. Realmente estase xestionando ben a economía da cal disfrutamos e que non é moita, soamente hai que dicir que a Mancomunidade depende das subvencións que lle dá a Xunta, que lle dá a Deputación e o aporte dos Concellos, dos dezaseis que conformamos a Mancomunidade, cada Concello fai un aporte en función dos habitantes. Con todo fomos facendo fronte ao que se organizou este ano, que non foi pouco. Nestes anos foise tendo un aforro, temos un remanente importante duns 200.000 euros que imos procurar darlle saída para beneficiar ao conxunto dos Concellos”.
O presidente da Mancomunidade explicou que “tamén demos un repaso aos temas de turismo porque xa ven Fitur aí, está enseguida, para mirar cuestións que nos poden interesar a todos levar a esta feira de Madrid. Ademais estivemos vendo como funciona a recollida de aceites, como o está utilizando a xente e a cantidade de contedores que temos nos diferentes Concellos”.
Llano subliñou que “estivemos falando do plan integrado de emprego, que este ano foi un éxito, e vai rematar o 31 de outubro. Tivemos sempre a 100 persoas en diferentes cursos e estamos en camiño de lograr a inserción laboral, durante un mínimo de tres meses de 35 persoas, que iso é realmente un éxito, se o logramos ao cen por cen. Penso que fixemos unha boa labor a través da Mancomunidade para axudar á inserción laboral destas persoas e é a nosa idea seguir traballando neste sentido porque consideramos que estamos facendo unha labor social importante”.
O presidente da Mancomunidade contou que “tamén falamos dos contedores para os que se solicitou unha subvención da que nos deron o 65% e estivemos vendo cantos lle corresponden a cada Concello e de que tipo. Agora, durante este mes, xa están comezando a entregarse estes contedores e pensamos que é un aforro importante que ademais se complementa para o material dun servizo tan importante como é a recollida de lixo”.
Alfredo Llano manifestou que “agora esperaremos á constitución dos membros da nova Mancomunidade, que será conformada aproximadamente para o mes de decembro, unha vez que se repitan as eleccións municipais nunha mesa en Burela”.