Viveiro, 23 de outubro de 2019. A gala de entrega do II Premio de Novela Vilar Ponte terá lugar o 5 de decembro de 2019, ás 20:30 horas, no Teatro Pastor Díaz. No transcurso da mesma entregaranse o 1º e 2º premio deste certame que naceu co dobre obxectivo de render homenaxe aos irmáns Antón e Ramón Vilar Ponte e recoñecer a súa labor, ao tempo que se pretende apoiar e difundir a literatura en lingua galega.
Agardamos que esta segunda edición sexa un novo éxito e sirva para consolidar este premio literario dentro do marco cultural galego. Consideramos que é unha boa oportunidade para todos aqueles escritores e escritoras que queiran dar a coñecer as súas obras e pensamos que a dotación económica do premio é importante, 4.000 euros para o 1º premiado e 1.000 euros para o segundo, ademais da placa e do diploma, que serán entregados no acto referido.
O prazo para a presentación das obras, de extensión e temáticas libres, remata o 31 de outubro de 2019.