Os seus protagonistas son os fillos e fillas dunha xeración que viviu a benevolencia económica, son os que viron en primeira persoa os atentados do 11S, de Madrid, de Londres, … que son coetáneos das crises económicas do 2008, do 2011,… e son, en definitiva os e as que temos nas clases dos nosos centros.
No IES Ribadeo Dionisio Gamallo, o departamento de Filosofía, en colaboración co departamento de Bioloxía, planificou unha charla o venres 27 de setembro, coa intervención de IVÁN RODRÍGUEZ LOMBARDERO, xeólogo ambiental, coordinador comarcal do SLG na Mariña, para os grupos de 1º de Bacharelato e un grupo de 2º Educación Secundaria Obrigatoria, co obxectivo de sensibilizar a todo o alumnado sobre a situación de risco que vive actualmente a nosa sociedade, o grave perigo que supón a contaminación nas variadas facetas que abrangue, e sobre todo o perigo que supón unha actitude irresponsable cara ao planeta.
Os contidos teóricos desta charla son tratados nos cursos de secundaria e 1º de bacharelato respectivamente, e abranguen o problema do consumo, o medio ambiente, a contaminación, os valores ecolóxicos,… todos eles temas e conceptos que forman parte do currículo de Filosofía a través das distintas disciplinas integradas (Valores Éticos, Valores Democráticos Europeos, Filosofía, Filosofía da Ciencia e da Tecnoloxía, Europa,…). A sociedade actual necesita coñecer e sensibilizar á cidadanía en xeral e á xuventude en particular sobre estas realidades cotiás das que depende o noso presente e o noso futuro. Así mesmo, os grupos de 1º ESO levaron a cabo a realización de debuxos e posters coa temática do clima que están expostos no corredor do 1º andar.
A importancia destes aspectos pon de relevo a necesidade da educación ecolóxica na praxe docente e por esta razón queremos completar esta xornada con distintas e variadas actividades ao longo do curso. De feito entre o 7 e o 28 de outubro contaremos cunha exposición sobre as Reservas da Biosfera á que poderá ter acceso toda a cidadanía, e á que seguirán outras coa mesma temática e preocupación medioambiental ao longo do curso.
Esperamos desta forma, contribuír á necesaria sensibilización sobre os recursos do planeta e o risco de supervivencia que corre a sociedade nun futuro que xa temos presente.
Manuel Yáñez Dablanca
Profesor de Filosofía