Lugo, 4 de outubro de 2019. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, informou de que a Xunta de Goberno deste venres aprobou solicitar a adhesión da Deputación a un convenio entre o Estado e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para crear un Punto de Atención a Emprendedores (PAE), que consiste nunha oficina que ofrece información e axiliza trámites para abrir un negocio. Grazas a este punto, os trámites de alta nunha actividade empresarial serán gratuítos para os emprendedores e emprendedoras, e poderán facerse nun tempo de 48 horas.
Esta iniciativa “encádrase no compromiso da Deputación coa dinamización do tecido empresarial da provincia, co obxectivo de fortalecelo, diversificalo, mellorar a súa competitividade e crear emprego a través do apoio ao emprendemento”, subliñou Pablo Rivera, ademais de destacar que o PAE “complementa o xa amplo abano de servizos que a Deputación está prestando en materia de impulso do emprendemento e de creación de emprego”. Así, entre outras iniciativas, a institución provincial ten en marcha a Axencia de Colocación, que busca casar oferta e demanda de postos de traballo no menor tempo posible e ofrece ademais servizos de asesoramento a empresas e emprendedores, e orientación laboral.
Os PAE teñen unha dobre misión. Por un lado, prestan servizos presenciais de información e asesoramento aos emprendedores na definición e tramitación telemática das súas iniciativas empresariais, así como durante os primeiros anos de actividade. Por outro, iniciar o trámite administrativo de constitución da sociedade a través do DUE, o Documento Único Electrónico. Este punto será atendido por persoal técnico do servizo provincial de Promoción Económica e Emprego e do Centro de Atención ao Usuario (CAU).
Nova edición de Lugo Termal
Tal e como avanzou onte o Presidente, o Goberno provincial aprobou na súa reunión de hoxe as bases para unha nova convocatoria de Lugo Termal, o programa co que dende hai xa oito anos a institución provincial favorece o benestar social e dinamiza a economía a través do impulso do termalismo ofrecendo descontos aos veciños e veciñas maiores de 55 anos para facilitarlles o acceso a estes establecementos e recibir terapias mineromedicinais durante os vindeiros meses, ata xuño do 2020.
O período de solicitudes iniciarase a vindeira semana. Como en edicións anteriores, deberán ser presentadas no Rexistro da Deputación de Lugo, con sede en San Marcos.
O Balneario e Termas de Lugo, o Hotel Balneario Río Pambre de Palas de Rei e o Hotel Balneario de Augas Santas de Pantón son os tres establecementos participantes no programa de termalismo da Deputación. Un ano máis, poderase optar por dúas modalidades: con estancia e sen estancia. O prezo da praza a pagar polos usuarios e usuarias con estancia será de 189,50 euros por seis días e cinco noites a pensión completa. Sen estancia, o prezo da praza será de 200€ por 10 días de luns a venres. Este ano estarán dispoñibles para os lucenses un total de 1.351 prazas: 1.113 con estancia e 238 sen estancia; con descontos de máis de 60 euros para recibir terapias mineromedicinais.
60.000€ para Equigal e Expolugo A Rural
Así mesmo, aprobouse o convenio de colaboración entre a Deputación e a Fundación Feiras e Exposicións de Lugo por un importe de 60.000€, destinados a contribuír ao financiamento de Equigal, Salón Internacional do Cabalo de Galicia 2019 e Expolugo a Rural.