Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación aumenta un 13% as prazas da teleasistencia domiciliaria, servizo ao que destina 750.000€ ata o 2021

 Lugo, 11 de outubro de 2019. A Xunta de Goberno aprobou este venres abrir o procedemento para a contratación do servizo de teleasistencia domiciliaria que ofrece a Deputación de Lugo de maneira gratuíta a veciños e veciñas dos 67 concellos da provincia. Segundo explicou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, con este novo contrato, que supón un investimento de 750.000€ e ten unha duración de dous anos –ata o 2021-, aumentan nun 13% o número de prazas ofertadas, ata chegar ás 1.795.

Deste xeito, ás 1.555 prazas para persoas usuarias directas (xa contempladas no anterior contrato, de 2013) engádense agora outras 180 prazas, dirixidas a persoas que, convivindo co titular do servizo, reúnen tamén os requisitos para ser beneficiarias, e que disporán dunha unidade de control remoto adicional para o seu uso exclusivo, e outras 60 persoas beneficiarias indirectas, aquelas que convivindo coa persoa usuaria e necesitando das prestacións e atencións que este proporciona, carece de capacidade física, psíquica ou sensorial para poder utilizar por si mesma esta atención. Esta persoa usuaria indirecta non ten unidade de control remoto e debe ser dada de baixa ao mesmo tempo que a titular, salvo que pase a depender doutra persoa usuaria titular coa que tamén conviva.
A maiores, este novo prego contempla outras melloras, como son a achega de balde de 60 terminais a maiores dos 1.555 esixidos obrigatoriamente á adxudicataria; de ata 48 dispositivos periféricos vinculados ao terminal de Teleasistencia (detectores de caídas, de gas, de fumes,  de movemento e de presencia), incluíndo a súa  instalación, mantemento e prestacións vinculadas aos mesmos; de ata 48 terminais de teleasistencia móbil que conten cun sistema de xeolocalización e monitorización, que permita a emisión de alarmas e a localización da persoa usuaria; e de terminais que faciliten a utilización do servizo a persoas con dificultades de comunicación  verbal ou auditiva (dispositivos móbiles con software específico que permiten á persoa usuaria activar unha alerta no Centro de Atención de forma sinxela). Todas estas melloras non estaban contempladas no contrato do 2013.
A voceira provincial socialista subliñou que o servizo de teleasistencia é unha prestación que garante atención as 24 horas do día e os 365 días do ano a todos os maiores da provincia con dificultades na súa autonomía, favorecendo “a permanencia e a integración no entorno familiar e social das persoas usuarias deste servizo, sobre todo dos que viven no rural”. “Grazas a esta iniciativa, os usuarios e os seus familiares viven con máis tranquilidade, pois saben que, a pesar de ter dificultades ou vivir sos, contan cun sistema de chamada en situacións de emerxencia”, indicou.
García Porto explicou así mesmo que este servizo, xunto a outras iniciativas como o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar, a rede pública de residencias de maiores ou mesmo os plans de fomento do emprego, “son parte da rede de protección social que creamos na Deputación de Lugo para contribuír á igualdade de oportunidades e suplir a deixadez de funcións da Administración que ten as competencias en materia social e laboral, a Xunta de Galicia”.
Conservación das estradas da Montaña
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou hoxe adxudicar en 744.246,87€ á empresa Comfica Soluciones Integrales SA os traballos de conservación da rede viaria provincial correspondentes ao lote 5, que aglutina aos concellos da Montaña (A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Ribeira de Piquín e Navia de Suarna).
Deste xeito, quedan adxudicados os 8 lotes nos que está dividido o contrato de conservación das estradas de titularidade da Deputación, contrato ao que a institución destina un total de 6,4M€.

Exit mobile version