A Coruña, 31 de outubro de 2019. A Delegación do Goberno en Galicia informa de que a industria galega beneficiarase de 42.188.179,72 euros do Executivo para a compensación dos custos de emisións indirectas de gases de efecto invernadoiro, como o dióxido de carbono (CO2). Esta cantidade recibirana oito empresas, con once instalacións, que desenvolven a súa actividade en Galicia, segundo a listaxe publicada polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.
O Consello de Ministros aprobou, na súa última sesión, a concesión das subvencións dispostas no Real Decreto 1055/2014, do 12 de decembro, polo que se crea un mecanismo de compensación de custos de emisións indirectas de gases de efecto invernadoiro, correspondentes ao ano 2018.
A listaxe completa mostra que algo máis de 42,2 millóns de euros chegará a empresas que teñen os seus centros de traballo en Galicia. Ademais, hai outras compañías como Acerinox, cun centro de traballo en Betanzos (A Coruña), que recibirá 4,9 millóns; ou Repsol, cun centro de traballo na Coruña e 1,9 millóns, que tamén se benefician desta liña de axudas recentemente publicada, ata superar os 49 millóns de euros que repercutirán na Comunidade.
A empresa que máis fondos recibe en Galicia é Alcoa en San Cibrao (Cervo, Lugo), pois a través das súas dúas denominacións ( Alúmina Española e Aluminio Español) suma 25,2 millóns de euros. Ferroatlántica está a continuación, pois para as fábricas de Sabón (Arteixo), Cee e Dumbría, todas na provincia da Coruña, terá 8,4 millóns de euros. Alu Ibérica, pola súa banda, recibirá 6,2 millóns de euros na súa factoría da Coruña, a antiga Alcoa. É unha cantidade similar á que recibirá o centro de traballo da mesma empresa en Avilés (Asturias).