Site icon Crónica3.com A Mariña

Vega considera “sorprendente” que “Fernando Suárez aínda non chamara aos grupos da oposición para falar dun dos temas máis importantes para os ribadenses”

 Ribadeo, 17 de setembro de 2019. O voceiro dos populares ribadenses, Daniel Vega, considera “sorprendente” que, despois de coñecer a carta do presidente da Xunta na que avanza a posta a disposición do Goberno galego para abordar a mellora do abastecemento de auga en Ribadeo, “Fernando Suárez aínda non chamara aos grupos da oposición para falar dun dos temas máis importantes para os ribadenses”.

Vega remarca que “o Grupo Municipal Popular tamén está a disposición para debater e tratar de chegar a un acordo conxunto para resolver o problema do abastecemento de auga municipal”. É dicir, “estamos a favor dun pacto pola defensa do abastecemento da auga de Ribadeo”. De feito, recorda que “xa temos presentado unha moción para o seu debate na vindeira sesión plenaria da Corporación ribadense pedindo a recuperación dos documentos técnicos elaborados no seu momento por Augas de Galicia para a mellora do abastecemento no municipio e, de ser o caso, completar o estudo. Tamén se inclúen entre os acordos propostos “a posta a disposición dos terreos precisos para o novo depósito e a procura do financiamento a través da colaboración institucional -implicando tamén á Deputación Provincial que entre os seus cometidos se atopa o de apoiar aos concellos de menos de 20.000 habitantes- para dar solución aos problemas de abastecemento que sofre o noso concello”.

O voceiro do PP recorda que “tanto o abastecemento como o saneamento son competencia municipal e é función do Goberno local buscar a maneira de acometer as obras necesarias a través da colaboración institucional, como sempre defendemos”. Neste caso, poñen en valor a resposta do presidente da Xunta anunciando ter pedido á consellería de Infraestruturas e Mobilidade que atenda a solicitude de entrevista demostrando “a súa vontade de colaborar nun proxecto en beneficio dos veciños e veciñas de Ribadeo”.

Pola contra, Vega denuncia que “o Goberno local do BNG en 12 anos non investiu nin un só euros en resolver os problemas de abastecemento de auga” cando “o Concello recada taxas polo abastecemento de auga e o saneamento, pero non se están a investir na súa mellora”. Isto demostra “a súa desidia e desinterese sobre un dos temas máis importantes para o noso concello”, conclúe.

Exit mobile version