Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas denuncian a total falla de planificación no inicio do curso escolar na provincia

Lugo, 11 de setembro de 2019. A secretaria provincial Socialista e Deputada Autonómica, Patricia Otero, denunciou este mércores a falla de planificación do Goberno de Feijoo no inicio do curso escolar na provincia de Lugo. Nese senso Otero avanzou que o Grupo Socialista rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias para coñecer cal é o motivo das incidencias nos centros da provincia.
A secretaria provincial advirte “que o inicio de curso en educación infantil e primaria na provincia de Lugo semella que non está a ser tan normal como os servizos de información da Xunta de Galicia”. Otero lembra as palabras da propia Conselleira de Educación durante unha visita ao CEIP de Casás en Lugo nas que afirmou que “o inicio das clases non se atrasará en ningún centro educativo galego a pesar de que hai colexios nos que aínda continúan obras de mellora cuxa execución comezou a realizarse durante o verán”.
Patricia Otero relata que no caso da Mariña lucense, “xa que nun claro exercicio de propaganda, a Delegación Territorial da Xunta en Lugo confirmou que os tres colexios da comarca onde se están levando a cabo obras de reforma integral e mellora da eficiencia enerxética —os CEIP Nº 1 de Foz, o Virxe do Carme de Burela e o de Cervo— empezarán as clases o próximo día 11, a data establecida para o inicio do curso do alumnado de 2º de ciclo de infantil, primaria e educación especial. Iso si, ante a posibilidade (por non dicir certeza) da existencia de obras nos centros, tamén se afirmou que “O equipo técnico da consellería, en coordinación coas empresas adxudicatarias das obras e cos equipos directivos dos centros, deron prioridade ás obras que afectan ao interior das instalacións, aulas e espazos docentes precisamente para que estean listos de cara ao inicio do curso”, pero que “poden continuar algúns traballos no exterior, fundamentalmente nas fachadas dos centros, ou pequenos remates no interior das instalacións, que en ningún caso interferirían na actividade ordinaria dos colexios”.
Centros de Foz e Cervo
“E no que se refire ao CEIP Nº 1 de Foz o curso comezará sen dispoñer do edificio antigo, nin o patio de educación infantil, nin o pavillón e, posiblemente, deban facerse quendas durante os períodos de lecer. No caso de Cervo, a ANPA decidiu por unanimidade non mandar aos seus fillos e fillas ao centro ante o estado no que se atopan as obras do centro escolar”, denuncia Otero.

CEIP de Casás en Lugo
Tamén alude a outro caso en Lugo “que evidencia que a execución das obras non é tan modélica como se pretende facer ver, como por exemplo as obras no CEIP de Casás en Lugo no que, pese á visita da Conselleira, a ANPA nun extenso comunicado pide que o alumnado non acuda ao centro, polo menos, durante esta semana”, advirte.

“Queremos menos anuncios e máis traballo”
Ante este panorama Otero critica “a falla de planificación e o retraso na licitacións destas obras, xa que tal e como constamos están impedindo o normal inicio do curso escolar na nosa provincia”. Así as cousas afirma que “hai unha irresponsabilidade total por parte do Goberno de Feijoo e do PP que inicie o curso con estas obras, xa que poden poñer en risco a seguridade tantos dos alumnos como dos docentes”, advertiu.
“A Balseiro enchéuselle a boca de dicir que as obras nos centros ian ser realizalas aproveitando as vacacións, pero as vacacións xa remataron, e as obras seguen, polo tanto mentiron e enganaron aos cidadáns”, espetou.
Por último lembrou que a Consellería de Educación anunciou estas obras no Parlamento de Galicia en maio deste ano “pero non tivo tanto presa en executalas e licitalas. Queremos menos anuncios e máis traballo para que os alumnos da provincia de Lugo poidan comezar as clases con total normalidade”, resumiu a Secretaria Provincial.

Exit mobile version