Site icon Crónica3.com A Mariña

Recepción no Concello ao Burela FSF tras a súa proclamación como campioas das supercopas de Europa e de España

 Burela, 13 de setembro de 2019. Este mediodía tivo lugar no salón de pleno do Concello de Burela unha recepción ao Burela FSF tras os últimos éxitos deportivos conseguidos. Co equipo estiveron o alcalde, Alfredo Llano, a concelleira de Muller, Noelia Mª Ben, e o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández. O Burela FSF recibiu un agasallo conmemorativo.
Fernández Rey explicou que “vimos de facerlles unha recepción ás nosas guerreiras laranxas, ás que foron semanas atrás campioas da Supercopa de Europa e a semana pasada tamén campioas da Supercopa de España”.
O edil burelés explicou que “é un acto máis de recoñecemento a estas rapazas que están poñendo o nome de Burela en todo o mundo. Estamos súper orgullosos de que isto sexa así e as perspectivas para esta tempada son que sigan logrando éxitos. Desde o Concello queremos recoñecerlles ese mérito e ese labor que fan por Burela, que eu penso que ten que ser compartida por todos os veciños e veciñas do concello porque este labor de promoción do pobo que están facendo non se paga con cartos, desde logo, e que menos que ter un recoñecemento con elas e intentar axudarlles en todo o que podemos desde o Concello”.
Para o concelleiro de Deportes “isto tamén é mérito, evidentemente, da directiva do club e da afección. Hai que facer tamén un recoñecemento especial a toda esa xente que estivo o venres pasado en Madrid, que fixo un montón de quilómetros para poder estar alí animando a estas rapazas. Eu tamén, desde o Concello, quero facerlle un recoñecemento a esa afección incombustible que ten o club. E tamén quero agradecer o traballo de toda a directiva porque é un labor inxente e moitas veces incluso cuns medios limitados para poder aguantar dous equipos nunhas ligas profesionais, como é o caso de Burela, que é único en España. Desde o Concello vamos seguir apoiando en todo o que poidamos ao club para que siga levando o nome de Burela por toda España. E desde logo ese recoñecemento do alcalde, meu, de todo o equipo de goberno e de toda a corporación”.
Fernández Rey engadiu: “temos que estar orgullosos destas rapazas e do Burela Fútbol Sala a nivel de club. Estes éxitos que están conseguindo seguro que co paso do tempo os valoraremos moito máis porque agora a verdade é que nos teñen acostumados a gañar moitos títulos. E igual veñen épocas non tan boas polo que hai que quedarse con isto, co recordo destes títulos, con todo o labor de promoción de Burela que está facendo o club por toda España e por toda Europa. Queremos agradecerlles ese traballo e recoñecérllelo con este acto que acabamos de ter aquí no Concello.

Exit mobile version