Burela, 1 de setembro, 2019. As Guerreiras cumpriron co seu primeiro obxectivo de 2019-20 brillando en Europa. O Pescados Rubén Burela FS alzouse co título do 4 Nation Women’s Cup de Milán esta tarde con vitoria de 3-8 sobre o anfitrión, Kick Off C5 Milano. A terceira praza foi para Budstar de Ucrania, con 4-7 sobre o ruso Lagoa Uor.
A finalización volveu reinar nas filas laranxas, aínda que se resistiu un pouco máis que no 2-9 da semifinal ante as rusas, cunha primeira parte moi igualada. Ale de Paz, ao segundo pau a pase de Jane tras roubo, e de Jenny Lores en xogada similar a pase de Lara Balseiro, puxeron o 0-2 en tan só un minuto, no 6. As anfitrioas responderon co empate, nas proximidades do ecuador do primeiro acto, con Debora de disparo afastado que golpeaba nunha defensora lucense, e falta afastada de Arianna. Bea Mateos enfundouse no xogo de cinco na recta final. A escasos 27 segundos do descanso, Jenny devolveu a vantaxe para as de Julio Delgado, en contragolpe.
Traso descanso, o Pescados Rubén ampliou a renda cun disparo que tocou en Arianna e máis tarde Jane e Peque. As italianas puideron recortar distancias de novo no 30 con xogada persoal de novo nas zapatillas de Debora.
Jenny Lores contestou pouco despois para anotar o sétimo. As anfitrioas optaron por porteira xogadora e Lara Balseiro aproveitou para anotar o definitivo 3-8.
Próximo obxectivo, Supercopa
Tan só quedan cinco días para o próximo obxectivo das mariñás, no primeiro gran reto da tempada. O venres, ás 21.00 horas, as Raíñas pelexarán pola Supercopa de España fronte ao campión de liga, Futsi Atlético Navalcarnero, en Las Rozas. A presentación da cita terá lugar o martes, día 3, ás 17.30 horas, na sede da RFEF.
Ficha técnica
Kick Off C5 Milano: Irene, Valeria, Debora, Antonella (19), Arianna, cinco inicial; tamén xogaron Antonella (9), Brenda
Pescados Rubén Burela FS: Ana Romero, Peque, Dany, Cilene, Jenny, cinco inicial; tamén Lara Balseiro, Jane, Jenny Lores, Ale de Paz, Luci, Jozi, Bea Mateos
Goles: 0-1, min. 5, Ale de Paz; 0-2, min. 6, Jenny Lores; 1-2, min. 9, Debora; 2-2, min. 10, Arianna; 2-3, min. 20, Jenny; 2-4, min. 23, Arianna (propia porta); 2-5, min. 24, Jane; 2-6, min. 29, Peque; 3-6, min. 30, Debora; 3-7, min. 32, Jenny Lores; 3-8, min. 35, Lara Balseiro
Árbitros: Daniele Biondo // Davide de Ninno
Incidencias: Final do 4 Nations Futsal disputada no Palazetto dello Sport de Milán