Site icon Crónica3.com A Mariña

Os populares piden que non se desvirtúe o maior esforzo inversor feito por un Goberno na mellora de centros educativos da provincia

Lugo, 12 de setembro, 2019. O Partido Popular de Lugo pide ás forzas políticas da oposición que non intenten desvirtuar, nin restar valor, ao maior esforzo inversor feito por un Goberno en décadas na mellora dos centros educativos da provincia.

Lembran que a Xunta de Galicia está a renovar integramente sete colexios cunha achega que supera os seis millóns de euros, aos que hai que engadir a construción do novo colexio Sagrado Corazón en Lugo (4,3M€) e as obras menores executadas este verán en noventa centros educativos máis, que elevan o investimento no conxunto da provincia por riba dos 12 millóns de euros.

Desde o Partido Popular salientan que dada a gran envergadura e o volume de obra feito nos últimos meses é perfectamente lóxico que algunhas requiran máis tempo, pero que están seguros que unha vez finalizadas todas as remodelacións suporán un gran salto de calidade nestes centros, do que se beneficiarán directamente ás comunidades escolares.

Máximas condicións de seguridade
Os populares son conscientes de que como toda obra, sobre todo as de reforma integral pola súa complexidade, poden causar incomodidades naquelas localidades nas que hai traballos pendentes, pero insisten en que todas as actuacións foron programadas e planificadas para que sexan mínimas as molestias e, sobre todo, están a levarse a cabo en condicións de seguridade.

Nese senso, e pensando especialmente nos colexios nos que se teñen rexistrado protestas, insisten en facer un chamamento á tranquilidade e á confianza, porque tanto as propias empresas construtoras, como os equipos directivos dos centros, e a unidade técnica da Xunta, están vixiantes e supervisan que as instalacións sexan seguras e que as zonas de docencia, na que se desenvolve a actividade escolar, estean operativas con totais garantías. De feito, os traballos de reforma se realizan fóra da xornada laboral.

Partidismo do malo
Por outra banda, os populares lamentan que as forzas políticas da oposición aproveiten estas circunstancias para facer partidismo do malo, cando a realidade é que a propia Xunta é a primeira interesada en que os centros educativos ganen en calidade, comodidade e confort, e por iso programou e inviste recursos nestas melloras. Reprochan tamén o indisimulado intento de algúns partidos da oposición e sindicatos afíns por teledirixir ás protestas de nais e país e xerar confusión, pero están convencidos de que de seguir actuando así se lles volverá en contra, porque as nais e pais non se deixarán manipular.

Desde o PP lembra que, en anos anteriores, as obras de reforma integral chegaron incluso a desenvolverse en pleno curso escolar, convivindo coa actividade lectiva, como aconteceu, por exemplo, no colexio Rosalía de Castro da cidade de Lugo, onde os traballos tiveron lugar entre os meses de setembro e xaneiro, sen interferir lonxe das lóxicas molestias, na actividade ordinaria do centro. Valoran polo tanto, que a Xunta decidise nesta ocasión acometer os traballos de maior envergadura no verán, pero insisten en que o remate destas obras é compatible coa actividade escolar, porque se desenvolve con totais garantías de seguridade.

Exit mobile version