Site icon Crónica3.com A Mariña

Os populares de Viveiro trasladan ao Goberno local a preocupación dos veciños ante a perigosidade que supón o mal estado do muro do Mirador da Atalaia de Celeiro

 Viveiro, 4 de setembro, 2019. O Grupo Municipal do Partido Popular de Viveiro traslada a preocupación dos veciños e veciñas ao Goberno local en relación ao estado da balaustrada do Mirador da zona da Atalaia de Celeiro e, polo tanto, pide a súa reparación ante a perigosidade que supón o mal estado do muro.

Os populares explican que “o muro que fai de protección e soporte do Mirador se atopa en mal estado de conservación e o seu deterioro, nalgúns puntos, afecta tanto ao propio muro coma á súa base”.

Polo tanto, tendo en conta que a Atalaia é un lugar moi frecuentado polos veciños e veciñas de Celeiro e incluso por visitantes que se achegan á zona para ver a paisaxe; esta deficiencia supón un grave perigo para os usuarios do mirador xa que o mal estado do muro pode provocar a súa rotura.

Rogo
Ante esta situación de inseguridade para as persoas, dende o Grupo Municipal Popular piden, a través dun rogo, que o Goberno local requira a elaboración dun informe por parte dos técnicos municipais sobre a seguridade que presenta o muro.

Igualmente, piden que o contido dese informe se transmita a tódolos Grupos con representación municipal e que, en caso necesario, se proceda á reparación inmediata da balaustrada co obxectivo de evitar posibles danos persoais que se puideran derivar do mal estado da balaustrada.

Exit mobile version