Viveiro, 11 de setembro, 2019. O Grupo Municipal do Partido Popular de Viveiro esixe ao Goberno local, a través dun rogo, “a reparación da estrada local que enlaza no quilómetro 1,5 da LU-6611 e que vai o lugar da Carreira en Fontecoba”; xa que, segundo os populares, “se atopa en moi malas condicións para circulación en condicións de seguridade”.
Para os populares as actuacións deben incluír “o marcado, cando menos lateral, da vía de referencia para que tanto as persoas coma os vehículos poidan circular de forma segura”. Así mesmo, é preciso “reparar as pontes existentes que dan acceso ás vivendas e ás fincas; xa que están totalmente destruídas”; así coma “a limpeza e mantemento do río Fontecoba en toda a súa canle para evitar posibles inundacións ante risco de riadas”.
Os concelleiros do PP explican que estas melloras son necesarias; xa que “gran parte do firme desta estrada se atopa moi deteriorado, ademais de que as dúas pontes sobre o río Fontecoba se atopan totalmente destruídas. Esta situación obriga tanto aos veciños e veciñas coma aos propietarios de fincas da zona a percorrer varios quilómetros para acceder ao lugar, pasando incluso por propiedades privadas”, explican. Nese sentido, e tendo en conta que as competencias en materia de vías públicas tanto rurais coma urbanas é municipal; recórdanlle ao Goberno local “a obriga de mantelas en bo estado para o seu uso común xeral”.
Obstrución da canle do río Fontecoba
Dende o Grupo do PP no Concello de Viveiro denuncian tamén que “o río Fontecoba que transcorre de xeito paralelo á estrada atópase en total estado de abandono e a súa canle obstruída en varios puntos debido á caída de materiais das pontes e á súa falta de mantemento”.
A este respecto, sinalan os edís do Partido Popular viveirense que “as actuacións ordinarias de conservación, mantemento e limpeza de canles fluviais que discorren por zonas urbanas deben ser executadas polas entidades locais”. Deste xeito, reclaman a intervención de medios municipais para a súa limpeza como “medida de prevención ante posibles riadas”.